Nove colectivos do Consello Parroquial de Chapela manifestaron a súa firme oposición ao proxecto de construción dun aparcamento nos terreos do antigo Colexio Igrexa, unha iniciativa anunciada recentemente polo Concello de Redondela. Segundo os asinantes, entre os que se atopan a Comunidade de Montes de Chapela, a Asociación Cultural de Chapela, o Clube Arealonga, a Asociación Afectados AP-9, o Círculo Cultural Recreativo de Chapela, as ANPAs do colexio Laredo e do Instituto de Chapela, o Chapela C.F. e Asearpo, o proxecto non foi debatido nin aprobado polo Consello Parroquial e non responde ás necesidades reais da veciñanza.
Francisco Puch, da Comunidade de Montes de Chapela, explicou as razóns do rexeitamento: “Esta é unha reivindicación que levamos facendo hai máis de 5 anos. No convenio anterior entre o Concello de Redondela e Audasa, xa se reclamaba que este terreo se destinase a unha alameda ou a un espazo de lecer, con zonas verdes para a veciñanza. Non ten sentido que o Concello tome decisións sen consultar co Consello Parroquial, especialmente nun tema tan importante para Chapela. Por iso, os nove colectivos solicitamos un Consello Parroquial Extraordinario para debater esta proposta.”
Os colectivos argumentan que a zona alta de Chapela xa conta con prazas de aparcamento suficientes, como as do Pavillón Deportivo, que permanece practicamente baleiro en horas punta. Pola contra, sinalan a carencia de espazos de lecer, como zonas verdes ou áreas de encontro para persoas maiores, familias e mocidade. “Non ten sentido construír un aparcamento provisional, que supón un gasto innecesario e non soluciona ningún problema real. Chapela non ten un problema de aparcamento. Esta parcela debería destinarse a un espazo de lecer onde as persoas maiores, as familias e os mozos poidan reunirse, con bancos, árbores e un lugar para o encontro e o descanso”, engadiu Francisco Puch.
Como alternativa, os colectivos propoñen a creación dunha alameda ou parque público que promova a convivencia, a saúde e o benestar da poboación. Tamén destacan o impacto urbanístico que a parroquia sufriu pola autopista AP-9, que atravesa o centro de Chapela. “Temos unha autopista que nos divide a parroquia, e esta zona está especialmente afectada. Non temos nin un metro cadrado de zona verde na parte alta. Por iso, é fundamental que este terreo se dedique exclusivamente a un espazo de lecer para os veciños”, remarcou Puch.
Os colectivos fixeron un chamamento á cidadanía para que apoie esta proposta e instaron ao Concello a paralizar o proxecto ata que se celebre o Consello Parroquial Extraordinario solicitado, que esperan que teña lugar en setembro. “Queremos que as decisións se tomen conxuntamente coa veciñanza e que se respecte o proceso de diálogo no Consello Parroquial”, concluíu Puch.










