As obras de mellora da liña ferroviaria entre Redondela e Vigo xa comezaron. Os traballos inclúen a ampliación da vía e a instalación de novos sistemas de seguridade e protección civil nos túneles. No paso superior da Portela, en Cedeira, substituirase o acceso actual, que ten 5 metros de ancho, por un novo de 8,5 metros, con dous carrís de circulación e beiravías para peóns a ambos lados. Este paso, de aproximadamente 18 metros de longo, incorporará barreiras e varandas de seguridade para garantir unha maior protección.
Segundo informou o Concello, a empresa encargada dos traballos advirte que o acceso permanecerá pechado temporalmente durante varias semanas debido á complexidade das obras. A alcaldesa, Digna Rivas, expresou a súa confianza en que os traballos se realicen no menor tempo posible e destacou que o novo paso superior “mellorará a mobilidade da veciñanza, ofrecendo un acceso máis amplo, moderno e seguro, que facilitará a circulación de vehículos e peóns”.
Ademais, a renovación da liña ferroviaria contempla a construción dun novo viaduto sobre a estrada N-550 e a modernización dunha vintena de pasos inferiores, que serán adaptados para mellorar a súa accesibilidade e seguridade.
A renovación de vía do trazado Redondela-Vigo Guixar inclúe tamén a construción do novo apeadeiro de Chapela e a modernización da estación de tren de Redondela. Estes últimos traballos xa están en marcha, cun investimento de 3,3 millóns de euros, co que se completa remodelación e mellora a accesibilidade da estación redondelá.











