O Concello de Redondela, a través da súa concellería de Maiores, volve poñer en marcha os populares cursos destinados a maiores de 55 anos, que se desenvolven en todas as parroquias do municipio. Baixo os programas *Redondela Vital* e *Redondela en Forma*, as persoas participantes teñen a oportunidade de realizar actividades como exercicios para estimular a memoria e ximnasia de mantemento, ambas cunha gran acollida.
Durante os meses de xullo e agosto, o Concello organizou actividades ao aire libre, como tai chi e, por primeira vez, clases de baile, que foron moi ben recibidas tanto en Chapela como na Alameda Castelao de Redondela. Estas iniciativas buscan fomentar un estilo de vida activo e saudable entre a poboación maior.
O vindeiro 8 de setembro reiniciaranse as sesións en todas as parroquias. A alcaldesa, Digna Rivas, subliña o compromiso do Concello por facer estas actividades accesibles: “Queremos que todas as persoas poidan participar sen necesidade de grandes desprazamentos, levando os cursos a cada parroquia”. Grazas á crecente demanda, incrementouse o número de prazas e grupos para atender todas as solicitudes.
Pola súa banda, a concelleira Iria Vilaboa destaca que o programa *Redondela Vital* céntrase en previr o deterioro cognitivo mediante xogos interactivos e exercicios que potencian a memoria, a atención e a agudeza visual e auditiva, contribuíndo a mellorar a calidade de vida. No caso de *Redondela en Forma*, as sesións de ximnasia axudan a mellorar a circulación, fortalecer os músculos, reducir o estrés e aliviar molestias articulares. Coa participación de arredor de 800 persoas nesta edición, estas actividades consolídanse como un éxito, cun número de inscritos que medra ano tras ano.









