Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela prepárase para a XI Xuntanza Moteira Vila dos Viaductos

480794183_1156952189398784_4205631379942357620_n

Fotos da X edición

Redondela acollerá o vindeiro sábado 30 de agosto de 2025 a undécima edición da Xuntanza Moteira Vila dos Viaductos, un evento que reunirá a milleiros de afeccionados ás dúas rodas no Campo da Feira. Organizada polo Motoclub Redondela co apoio de diversas entidades e comercios locais, esta cita promete ser unha das máis destacadas da comunidade, con actividades para todos os públicos e unha gran afluencia de visitantes.

A xornada comezará ás 12:00 horas coa apertura do recinto, amenizada con música e unha sesión vermú. Ás 16:00 horas, a mascota Xaquín dará a benvida aos asistentes, e ás 17:30 horas arrancará a esperada ruta moteira pola comarca. Segundo explica Carlos Figueroa, presidente do Motoclub Redondela, “esperamos a participación de arredor de 6.000 motos, con asistentes chegados de lugares como Alicante, o norte de Portugal, Asturias, León e Zamora”. A ruta, dunha hora de duración, partirá da Avenida Mendiño e percorrerá Redondela, Reboreda, Amoedo, Pazos de Borbén, As Xunquerias, Traspielas, Fornelos de Montes e Mos, regresando a Redondela sobre as 18:30 horas, cando se ofrecerán petiscos gratuítos para todos os presentes.

A tarde continuará cun dos momentos máis esperados: ás 21:00 horas, o piloto portugués Cajó Stunt Rider, campión ibérico na modalidade de exhibicións acrobáticas, sorprenderá ao público cun espectáculo a bordo dun quad preparado para a ocasión. Ás 22:00 horas, os asistentes poderán gozar dunha gran mexillonada, e a noite culminará cunha exhibición de drift ás 23:00 horas horas a cargo de Martín Nos e o equipo Driftgalicia, cun BMW adaptado para realizar trompos. Ademais, a Avenida Mendiño estará pechada ao tráfico durante estas actuacións, cun dispositivo da Policía Local que desviará o tráfico cara o Campo do Choco, a gasolineira e a estrada xeral.

Figueroa tamén destacou a presenza de pilotos galegos como Ángel Outerelo, gañador do Gran Premio de 125, e a exhibición da réplica da moto de Juan López Mella, xunto con equipamento de Xoel e Miguel, competidores no Campionato Galego de Enduro. “Queremos mostrar o talento local e ofrecer un espectáculo único”, engadiu.

Durante todo o día, haberá servizo de bebidas e bocadillos quentes, así como dez postos de venda con roupa e accesorios para moteiros e non moteiros, un aumento significativo respecto aos seis do ano pasado, o que reflicte o crecente interese pola xuntanza. “O comercio local de Redondela colabora cada ano con agasallos como roupa, libros, gafas de sol ou reloxos, algo que agradecemos profundamente”, afirmou Figueroa que agradece ao comercio local a súa participación. En caso de choiva, está prevista unha carpa de grandes dimensións para garantir que a festa non se deteña.

A noite pecharase cunha sesión a cargo do DJ Rubín, que animará aos asistentes ata as 01:00 horas. O presidente do Motoclub Redondela convida a todos os amantes das motos a unirse a esta festa: “Agardamos que esta edición sexa inesquecible e consolide un ano máis a Xuntanza Moteira como unha referencia para os afeccionados ás dúas rodas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará