Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alén Nós advirte do deterioro e abandono do Museo Meirande

PXL_20250826_094212976

A Asociación Alén Nós de Redondela vén de alzar a voz para denunciar o grave estado de deterioración que presenta o Museo Meirande, un espazo clave para preservar a memoria histórica e industrial da vila e da ría de Vigo. Tras unha recente visita, a entidade constatou múltiples deficiencias tanto nas instalacións interiores como na conservación da maquinaria exposta, o que pon en risco a seguridade dos visitantes e o valor patrimonial do museo.

Xosé Couñago, membro de Alén Nós, manifestou a súa preocupación: “Non é admisible que o único museo municipal de referencia, ligado á Batalla de Rande e ao noso patrimonio industrial, estea neste estado de abandono. Estamos ante a perda dun recurso cultural estratéxico que, ademais, ofrece unha imaxe moi pobre para Redondela e os seus visitantes.”

Entre as deficiencias sinaladas, destacan os recursos museográficos en mal estado: o panel luminoso de reparto de salas, agora situado diante dos baños, está fóra de servizo; os paneis de antropoloxía e do interior das máquinas carecen de audios; e o panel interactivo do exterior, cun galeón, ten a tapa de metacrilato rota e a piques de desprenderse. Ademais, os audios das personaxes da batalla apenas se escoitan, o que resta valor á experiencia didáctica.

A situación da maquinaria histórica é aínda máis alarmante. As pezas metálicas presentan un “grao de corrosión extremo, con buracos, fragmentos desprendidos e estruturas irrecoñecibles”, segundo Couñago, quen engadiu: “Non se trata só de varrer, senón de poñer en marcha unha restauración integral para salvar a nosa memoria industrial e mariñeira.” A falta de medidas de protección expón aos visitantes, especialmente aos escolares, a riscos graves, xa que poden ferirse con ferros oxidados ou partes soltas. No exterior, o carro de madeira da colección tamén mostra un notable deterioro.

Alén Nós esixe unha resposta inmediata das institucións. Entre as súas demandas, inclúen unha restauración urxente da maquinaria con criterios técnicos profesionais, o mantemento regular dos recursos museográficos, medidas de seguridade para delimitar o acceso ás pezas perigosas e unha implicación real do Concello e das administracións para recuperar o Meirande como espazo de referencia. “Se non se actúa con rapidez, corremos o risco de que este museo se converta nun exemplo de desleixo institucional”, advertiu Couñago.

A asociación fai un chamamento á cidadanía e ás autoridades para que o Museo Meirande volva ser un orgullo para Redondela e Galicia, antes de que a súa riqueza patrimonial se perda irremediablemente.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará