Hoxe é Venres 20 de Xuño de 2025

Un trobador de Chapela? A investigadora Carmen de Santiago explora a obra de Somesso

la004r

A Biblioteca Xela Arias de Redondela acollerá mañá mércores ás 20:00 horas, a conferencia A orixe da lírica medieval galega. Un trobador de Chapela?, impartida pola Dra. Carmen de Santiago Gómez, investigadora asociada da USC e do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH). A experta en lírica medieval galega achegará ao público a fascinante figura de Johan Soarez Somesso, trobador do século XIII coñecido por algúns como o “Señor de Chapela”. A través da súa obra, composta por 25 cantigas, e da súa posible conexión con esta parroquia redondelá, a doutora explorará a riqueza histórica e literaria dunha época clave para a identidade galega.

Carmen de Santiago, que en 2022 obtivo o título de doutora coa tese O cancioneiro do trobador Johan Soarez Somesso. Edición crítica e estudo —galardoada co Premio Extraordinario de Doutoramento pola USC—, centrou a súa investigación na obra e na figura deste trobador, un dos primeiros representantes da lírica galego-portuguesa. “Doutoreime cunha tese orientada ao estudo da súa obra, pero tamén da súa figura, que foi ben analizada nas últimas décadas por especialistas como Enrique Monteagudo ou Souto Cabo”, explica a investigadora. Somesso, pertencente á chamada “xeración de implantación” do século XIII, destaca pola súa abundancia e diversidade temática nas súas composicións. “Ten 25 cantigas, unha produción considerable para a súa época, e unha delas, unha cantiga de escarnio, ofrece moita información histórica que permitiu aos especialistas reconstruír, pouco a pouco, a súa realidade xenealóxica”, sinala.

Dra. Carmen de Santiago.

Un dos aspectos que fai de Somesso unha figura singular é a súa posible vinculación con Chapela, unha teoría que a Dra. de Santiago abordará na conferencia. “Henrique Monteagudo – actual presidente da RAG-, a comezos deste século, propuxo unha hipótese baseada nas poucas fontes documentais dispoñibles e na información extraída da obra de Somesso, que apunta a que podería ser o ‘Señor de Chapela’”, explica. Con todo, a investigadora matiza que esta relación non está pechada: “Hai outras teorías que sitúan a Somesso noutras zonas, pero as coordenadas da súa obra encaixan co sur da actual Galicia e o norte de Portugal, o que fai plausible a conexión con Chapela”. Esta hipótese, que será un dos eixes da charla, subliña a relevancia de Redondela no mapa da lírica medieval galega.

Dra. Carmen de Santiago.

A obra de Somesso, segundo destaca Carmen de Santiago, é notable pola súa riqueza retórica e pola súa capacidade para innovar dentro do xénero da cantiga de amor. “Aínda que case toda a súa produción se enmarca neste xénero, consegue unha policromía poética, métrica e retórica que o fai único. Ademais, establece relacións intertextuais con outros trobadores da súa xeración, creando incluso debates poéticos”, afirma. Entre os temas que trata, a investigadora destaca o tratamento orixinal da morte na lírica amorosa e a abordaxe do matrimonio concertado, que conecta coa realidade social do momento e pon en primeiro plano a perspectiva feminina. “Somesso recolle temas recorrentes, como a morte, pero dálles unha volta que o fai diferente, polemizando cos seus colegas para xerar algo novo”, engade.

Dra. Carmen de Santiago.

A conferencia, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística de Redondela e a Biblioteca Xela Arias, promete ser unha experiencia inmersiva. A doutora utilizará soportes visuais e sonoros, incluíndo cantigas musicalizadas, para mostrar a complexidade e o espectáculo lírico, poético e musical que caracterizaban estas composicións. “Quero transmitir a paixón que sinto por esta figura e espero que o público se sinta atraído por este movemento literario tan rico”, confesa Carmen, quen tamén participa nun proxecto do CRPIH sobre lírica galego-portuguesa, dirixido polas catedráticas Pilar Lorenzo Gradín e Mercedes Brea.

Ao remate da charla, abrirase un espazo de debate para que os asistentes poidan profundar na figura de Somesso e na súa posible vinculación con Chapela, unha oportunidade única para redescubrir un legado que segue vivo na nosa lingua e identidade. A entrada é libre ata completar aforo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: