O Festival Internacional de Títeres de Redondela volveu congregar esta fin de semana a centos de persoas que gozaron da música, os espectáculos itinerantes e as actuacións de monicreques que nesta edición se desenvolveron en dez escenarios instalados en diferentes prazas da vila. Un tempo que ameazaba chuvia pero con boa temperatura animou ao público familiar a achegarse a esta cita que convivía nas primeiras horas do sábado cos actos institucionales polo Día das Letras Galegas.
Un festival que se despedía ata a vindeira edición cun espectácuo moi esperado, a obra “Feos” da compañía chilena Teatro y su Doble, que xa colgara o cartel de completo nada máis arrancar o festival e que foi a encargada de poñer o punto e final as propostas de sala nun Multiúsos no que ata mañá martes aínda podemos visitar a exposición “A volta ao mundo en 80 monecos” de Títeres Cachirulo.
Os “Cavalls de Menorca” da compañía Tutatis ou o Caracol xigante dos andaluces Ángeles de trapo animaron a xornada na rúa cos seus espectáculos itinerantes. Non faltou a música de Latexo Percusión nin os ritmos de The Turre’s band ou a Charanga Bicoia nunha fin de semana que arrancou co acto institucional das Letras Galegas no que se escoitou a alborada de Rosalía interpretada polo gaiteiro redondelán Olimpio Xiráldez e no que nenos e nenas foron os encargados de poñer en valor ás mulleres cantareiras, a quen a Real Academia Galega dedica este ano a celebración.

Foi o arranque dunha intensa fin de semana vivida na rúa e baixo as diferentes carpas instaladas en diversos puntos do casco urbano para albergar espectáculos e xogos como os “Retablos mecánicos” na praza do Concello no que grandes e cativos podía manipular e xogar cos monicreques do mesmo xeito que no espazo habilitado na praza de Ponteareas onde había diferentes xogos animados.
Un festival do que tan só nos queda unha extensa exposición de monicreques chegados de todos os continentes do planeta no que podemos facer un percorrido pola arte do títere grazas ao traballos de recompilación de Títeres Cachirulo. Ata este martes podemos coñecer esas pezas artesanais, máis de 200 de diferentes procedencias que se atopan no Multiúsos da Xunqueira.





