O PP cualifica a situación política en Redondela de “moi crítica” logo de que Regades instase ao BNG a facilitar a gobernabilidade de Digna Rivas. Os populares aseguran estar de acordo coa análise do secretario xeral provincial do PSOE en canto ao “desgoberno municipal” e coinciden en que é o momento de que o Bloque actúe con responsabilidade. Con todo, mentres os socialistas entenden que esa responsabilidade pasa por facilitar o goberno do actual executivo, o PP insta ao BNG a que actúe en sentido contrario e que “deixen de soster unha alcaldesa que se demostra nociva para os intereses xerais de Redondela”.
“Se o secretario xeral do PSOE pide que se facilite a gobernabilidade, quere dicir, sen lugar a dúbidas, que agora mesmo non se goberna, que é algo que levamos lamentando hai seis anos desde o PP” sinalou Javier Bas, que cre que Redondela “está chegando ao seu límite”.
Ao seu entender o feito de que o secretario xeral do PSOE pontevedrés, David Regades, acudise a “darlle ánimos á alcaldesa e lle pida axuda ao BNG para saír da actual parálise” amosa que Redondela se atopa nunha situación “moi crítica”.
O PP local asegura compartir totalmente a preocupación de Regades pola falta de gobernabilidade da administración local e tamén coinciden en que é o momento, tras vinte meses dun “mandato nefasto”, de que o Bloque actúe con responsabilidade “e deixe de soster a unha alcaldesa e a un goberno que se demostran nocivos para os intereses xerais de Redondela”.
Tamén concordan os populares con David Regades en que os redondeláns “merecen un goberno estable, que foi algo que non tiveron nos últimos seis anos” e ironizaron sobre as aseveracións do responsable socialista de que os veciños votaron un goberno de progreso: “Tamén estamos de acordo en que Redondela merece un executivo que faga avanzar ao noso municipio, pero o de Digna Rivas, e Regades sábeo ben, é un goberno de absoluto retroceso”.
En todo caso, o PP de Redondela cualifica as declaracións de Regades de “sobreactuación” coa súa petición de axuda ao BNG “sabe de sobra que ten o seu apoio malia que disimulen, porque socialistas e nacionalistas sempre teñen un obxectivo común, que pasa por evitar gobernos do PP malia que iso prexudique, como sucede en Redondela, aos veciños”.










Unha resposta
O PSG está perdido, non teñen proxecto para Redondela, a alcaldesa non sabe xestionar ni ten criterio ningún, sempre vai a remolque dos intereses dos veciños. Está habendo movementos para o 2027.
Radioredondela vai facer entrevistas aos líderes dos partidos políticos para avaliación da situación? Se se quere leer algunha nova sobre os partidos hai que ir a nova peneira ou ao Facebook dos partidos, radioredondela ten que moverse.