O presidente da deputación, Luis López anuncia un investimento de máis de 2 millóns de euros para a iluminación monumental e paisaxística do Castelo de Soutomaior. Trátase dunha das actuacións incluídas no proxecto de mellora patrimonial do Castelo financiado polo Plan de Recuperación, que inclúe outras propostas como a mellora da accesibilidade na Torre de Homenaxe ou a introdución de novas tecnoloxías de realidade virtual.
A nova iluminación ornamental permitirá trasladar á paisaxe nocturna a esencia da imaxe do castelo. Ademais tamén se vai executar a reforma eléctrica e do alumeado no castelo e na parcela na que se atopa, co fin de ofrecer un espazo de calidade para os e as visitantes deste Ben de Interese Cultural e a súa contorna. A actuación contempla a renovación dunhas instalacións eléctricas obsoletas, a reforma do Centro de Transformación e a instalación dun novo grupo electróxeno e novos cadros eléctricos.
O presidente da Deputación salientou que “o Castelo de Soutomaior e os seus xardíns son un referente patrimonial, cultural e turístico da nosa provincia e por iso é preciso seguir traballando para poñelo en valor e potencialo, manténdoo ademais en perfecto estado de conservación”.









