Un home de 77 anos de idade veciño da parroquia de Cesantes resultou ferido tras quedar atrapadas as súas pernas nun motocultor. O accidente, que se producía ás doce do mediodía do sábado no barrio do Carballiño, obrigou a intervir aos servizos de emerxencias para liberar ao ferido que foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro onde quedou ingresado con feridas de diversa consideración.
O rescate efectuouse tras recibir no 112 Galicia a alerta do equipo de Urxencias Sanitarias que se dirixía ao lugar no que se producía o accidente e no que o home quedaba atrapado entre o motocultor e o portal. As aspas da máquina afectaron ás extremidades inferiores causando lesións de distinta importancia, quedando unha delas incrustadas nunha perna.
Os sanitarios ocupáronse de estabilizar ao ferido e proporcionarlle os primeiros coidados. Ao tempo os servizos de emerxencias (GES de Mos, Protección Civil e Policía Local) traballaron na liberación do home co obxecto de facilitar o seu traslado ao hospital o antes posible, onde foi ingresado na UCI. O ferido evoluciona satisfactoriamente.









