Hoxe é Xoves 12 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un club pequeno con ambición estatal: a natación redondelá arrinca con forza

bd13ee5b-833c-4593-856d-ad5beda83742

O Club de Natación de Redondela comezou a tempada con boas sensacións, mellorando as marcas persoais do equipo na primeira xornada da Liga de Clubs, celebrada pavillón municipal. Un inicio positivo que, malia contar cun grupo reducido de deportistas, está a conseguir resultados destacados tanto a nivel galego como estatal. Entre eles sobresae Miguel Rey, que a pasada tempada se converteu no bracista infantil máis rápido de España e de Galicia na súa categoría.

A adestradora do club, Nuria Otero, fai unha valoración moi positiva deste primeiro contacto coa competición. “Acabei moi contenta polos resultados, tanto dos nadadores que xa estaban o ano pasado como dos que entraron novos esta tempada”, explica. Na competición disputada en Redondela, o equipo conseguiu mellorar as marcas persoais e Miguel Rey estableceu unha nova Mellor Marca do Club nos 200 metros braza, cun tempo de 2:24.73.

O grupo absoluto está formado actualmente por catro nadadores: Antía Collazo, Elías Costas, Mateo Paz e o propio Miguel Rey. Este último afronta unha nova etapa deportiva tras deixar atrás a categoría infantil e pasar a competir como júnior de primeiro ano. O seu obxectivo será manterse entre os mellores e seguir competindo ao máximo nivel. “Se podemos seguir sendo campións de España sería un fito histórico, pero eu xa estaría contenta con que estivese aí, entrando en finais e competindo contra clubs que teñen moitísima máis infraestrutura ca nós”, sinala Otero.

Rey chega a esta tempada avalado por un importante palmarés: foi campión de España infantil nos 50 metros braza e medalla de bronce nos 100 metros braza. No ámbito galego, proclamouse campión nos 50, 100 e 200 metros braza, ademais de subcampión nos 50 metros libres.

Outro dos nomes destacados é Mateo Paz, campión galego infantil nos 50 e 100 metros costas e subcampión nos 200 metros costas. O seu principal reto será seguir mellorando as súas marcas e gañar confianza para poder participar nun Campionato de España. A pasada tempada quedou ás portas de acudir á cita estatal. “Ten esa ilusión de poder ir e vivir esa experiencia”, apunta a adestradora.

Pola súa banda, Antía Collazo e Elías Costas están a recuperar o seu nivel competitivo despois de varios anos afastados da natación. Otero destaca a súa evolución e o compromiso que están a demostrar nos adestramentos, aínda que considera que os obxectivos deben marcarse con prudencia. “Traballamos para que estean cómodos, poidan seguir adestrando a un alto nivel e están demostrando moito compromiso e entrega. Os podios aínda quedan un pouco lonxe”, recoñece.

Otero quere romper coa idea de que a natación é un deporte exclusivamente individual. Destaca o compañeirismo entre os integrantes do club e a importancia de que todas as categorías se apoien mutuamente nas competicións.

Novas competicións no calendario de novembro

O calendario das próximas semanas traerá novas oportunidades para comprobar a evolución dos nadadores redondeláns. A primeira gran cita será o Campionato de España Absoluto, que se celebra do 12 ao 15 de novembro e no que participará Miguel Rey. O nadador competirá o día 13 nos 200 metros braza, nunha proba que poderá seguirse a través das retransmisións de Televisión Española.

O 15 de novembro será a quenda da segunda xornada da Liga Galega Máster, mentres que o día 21 chegará unha nova competición á piscina municipal de Redondela coa primeira xornada de Liga das categorías benxamín e alevín. Unha cita aberta ao público e con entrada gratuíta, na que se poderá coñecer de preto o traballo das categorías de base.

“Con todos estes logros o que pedimos é maior recoñecemento por parte das institucións”, remata Nuria Otero.
Equipo completo do Club de Natación de Redondela.
Miguel Rey e Nuria Otero.
Podio do Campionato de España 2026.
Miguel e Mateo no Campionato Galego.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará