Foto da Cultural de Trasmañó
Os representantes da Asociación Cultural de Trasmañó denuncian a expulsión de seis comuneiros estreitamente vinculados ao colectivo e cuestionan a xestión da Comunidade de Montes da parroquia.
A asociación asegura que as persoas afectadas levan anos reclamando cambios na xestión do monte e maior transparencia. Por iso, considera que “estas expulsións poderían responder a unha decisión interesada para apartar voces críticas da comunidade”. Ademais, cuestiona a súa legalidade e asegura que non existen motivos suficientemente xustificados para adoptar esta medida.
Tamén alertan de que estas decisións se producen nun contexto de desacordo coa actual Xunta Reitora e coa proximidade das eleccións para renovar os seus representantes, previstas para o próximo ano. Neste sentido, consideran que a saída de persoas críticas pode reducir a pluralidade de opinións e a capacidade de participación dos comuneiros na toma de decisións.
O comunicado tamén recolle diferentes cuestións relacionadas co funcionamento interno da Comunidade de Montes. A asociación cuestiona a aplicación dos requisitos para manter a condición de comuneiro, con incumprimentos dos criterios de residencia habitual na parroquia e amosan a súa preocupación pola escasa participación nas asembleas. Neste sentido denuncian que algúns comuneiros non están a recibir as convocatorias en prazo “o pasado ano varias persoas non recibiron a comunicación da reunión, mentres que outras a recibiron ata quince días despois da súa celebración”.
A xestión económica é outro dos asuntos que preocupa ao colectivo. Segundo os datos que manexa, a Comunidade de Montes recibiu uns ingresos oficiais de aproximadamente 561.000 euros nos últimos quince anos. Con todo descoñecen en que se investiron estes cartos e se repercutiron na mellora da parroquia. Por este motivo reclaman “explicacións sobre as partidas destinadas a diferentes actuacións” e piden información sobre as posibles subvencións recibidas. Consideran necesario que as contas se presenten de maneira detallada e se sometan expresamente á aprobación da asemblea, particularmente en relación co exercicio de 2025 e reiteran que a normativa obriga de reinvestir polo menos o 40 % dos ingresos no propio monte, mentres que o resto pode destinarse a outras actuacións acordadas polos comuneiros.
As discrepancias coa actual xestión tamén afectan a diferentes espazos e instalacións da parroquia. A Asociación Cultural denuncia que a actual Comunidade de Montes “non recoñece a cesión do Centro Cultural que o colectivo viña xestionando desde a súa creación” e que tamén perdeu o uso do campo de fútbol, polo que pide buscar alternativas para mellorar as instalacións en lugar de destruílas. Ademais, critica o abandono da zona recreativa da Poza da Lagoa.
Para abordar estas e outras cuestións a Asociación chama os comuneiros a participar na asemblea da Comunidade de Montes prevista para este xoves 5 de novembro, ás 20:00 horas, na que se abordarán cuestións relacionadas coa situación actual da Comunidade de Montes.
“A Comunidade de Montes de Trasmañó pertence aos seus comuneiros, non a quen ocupa os cargos directivos”, sosteñen os representantes da asociación, que insisten na necesidade de recuperar a confianza.









