A S.D. Pazos de Borbén FS atravesa unha das etapas máis importantes dos seus 33 anos de historia. O crecemento deportivo e social da entidade, que naceu en 1993 nun pequeno pavillón dun concello de apenas 3.000 habitantes, vén acompañado esta tempada dunha renovación da súa identidade e dun novo símbolo que pretende unir a toda a familia vermella: “Novo mencer”, o primeiro himno oficial do club, composto polo grupo local Paraphernalia en colaboración co gaiteiro Rubén Costas.
Un proxecto musical que nace desde dentro da propia entidade e que pon voz ao sentimento de pertenza, á historia e ás raíces de Pazos de Borbén. Tania, adestradora da base do club e integrante de Paraphernalia, foi unha das responsables de dar forma a esta composición, que se poderá escoitar antes dos partidos do equipo sénior e que aspira a converterse nun elemento de unión entre xogadores, familias e afección.
“Pareceume algo moi emocionante, moi emotivo e, ao mesmo tempo, un gran reto, porque facer un himno non é o mesmo que facer unha canción. Para que soara algo máis máxico conseguimos que o gaiteiro Rubén Costas – coñecido como Ruchi – sumárase a esta tolemia e non dubidou en colaborar”, explica Tania. O obxectivo estaba claro: conseguir unha composición “para todos os públicos, coreable, pegadiza e motivante”, capaz de representar tanto os máis pequenos como os integrantes do primeiro equipo.
“Novo mencer” vai máis alá do fútbol sala. A letra recolle elementos da paisaxe e do patrimonio local, como a serra do Galleiro, A Masusán, a Levada dos Casqueiros e as Fragas do Barragán, ademais de nomear as oito parroquias do municipio: Pazos, Borbén, Nespereira, Amoedo, Xunqueiras, A Ermida, Moscoso e Cepeda.
Unha decisión que responde á vontade de facer que todos os veciños poidan sentirse representados. “O máis importante para eles era que a xente se sentise identificada con isto. Por iso quixemos nomear todas as parroquias”, explica Tania.
A letra tamén incorpora unha frase especialmente significativa para a historia da entidade, a petición do presidente, Ferre: “Parece que foi onte cando te vimos nacer, xa pasaron moitos anos e non paras de crecer”. Unha referencia directa á traxectoria do club desde a súa fundación en 1993 e á súa capacidade para seguir medrando.
O retrouso resume o espírito da composición: “Pazos teño un soño fai tempo / E coa forza do vento / Traio un novo mencer”. Unha mensaxe de ilusión e futuro que se completa cunha chamada á unión e á vitoria: “E co lume no peito / Hoxe imos vencer”.
Para Tania, o máis importante é que a canción consiga que toda esa gran familia se recoñeza nela. “A Marea Vermella necesitaba un himno”, apunta, en referencia á afección que acompaña o equipo e que forma parte esencial da vida da entidade.
O tema atópase no proceso de gravación, no que os integrantes do grupo están rexistrando as distintas partes instrumentais. A presentación oficial realizarase nun acto público aínda sen data pechada, no que Paraphernalia tamén interpretará outros temas do seu repertorio. O club prevé, ademais, publicar un videoclip nas súas redes sociais.
O lanzamento do himno chega nun momento especialmente significativo para a S.D. Pazos de Borbén FS. O club conta esta tempada con 15 equipos e arredor de 210 licenzas federativas, ademais de superar por primeira vez os 300 socios nun municipio duns 3.000 habitantes.
A estrutura deportiva abrangue desde os máis pequenos ata o equipo sénior, con presenza en diferentes categorías autonómicas e nacionais. Destacan o sénior de Terceira División Nacional, o filial en Preferente e tres equipos de base que compiten nas Ligas Galegas, un fito que hai uns anos parecía difícil de alcanzar para unha entidade destas dimensións.
Tania considera que este crecemento é consecuencia do traballo colectivo e do ambiente familiar que caracteriza o club. A súa propia chegada á entidade está vinculada á incorporación do seu fillo aos equipos de biberóns. O que comezou como unha maneira de acompañalo acabou converténdose nunha implicación directa no proxecto, primeiro desde a bancada e despois como adestradora.
Entre as novidades desta tempada está a creación do primeiro equipo feminino da historia da S.D. Pazos de Borbén FS. Trátase dun Benxamín Feminino formado por sete nenas e acompañado por tres adestradoras, todas elas formadas na propia casa, entre as que se atopa Tania.
Un paso importante para ampliar a participación das nenas no fútbol sala e sentar as bases de futuros equipos femininos. De feito, a entidade xa conta con outras nenas de menor idade que poderán incorporarse nos vindeiros anos.
Desde a directiva destacan que “non é un equipo máis, é abrir unha porta que xa non se vai pechar”. Unha filosofía que comparte Tania, que anima todas as nenas ás que lles guste o fútbol sala a achegarse ao club.
Nova imaxe para acompañar o crecemento
A renovación da identidade tamén chega ao escudo e ás equipacións. O deseñador pacense Héctor Pichel, adestrador do club, foi o encargado de desenvolver a nova imaxe, que mantén as cores e a esencia do escudo histórico, pero cunha estética máis actual.
Os deseños incorporan varios elementos simbólicos: oito estrelas que representan as parroquias, petróglifos como referencia ao patrimonio, a bandeira municipal e o selo “Isto é Pazos”.
Moito máis ca fútbol sala
A actividade da S.D. Pazos de Borbén FS non se limita á competición. O club mantén un calendario de iniciativas sociais e festivas coas que busca reforzar os vínculos entre deportistas, familias, socios e veciñanza.
Entre elas destacan o Campus de Verán, que nesta edición esgotou as prazas desde o principio, o tradicional Torneo de Nadal, o Magosto Popular, a Romaría S.D. Pazos e as xa coñecidas celebracións posteriores aos partidos no pavillón.
Con 33 anos de historia, cifras récord, a incorporación do primeiro equipo feminino, unha nova identidade visual e un himno creado por músicos da casa, a S.D. Pazos de Borbén FS afronta unha etapa con moito sentimento de pertenza.














