O vertido ilegal tivo lugar preto do aeroporto de Peinador nunha inspección rutineira do Concello. A investigación permitiu identificar aos responsables, que son veciños doutro municipio da comarca. A multa por esta infracción vai desde os 750 ata 3.000 euros. Por outra banda, o departamento de Medio Ambiente investiga un segundo vertido na zona de Río Frío, Chapela.
O departamento de Medio Ambiente está a tramitar un expediente sancionador contra os responsables dun vertido ilegal localizado na parroquia de Vilar, preto do aeroporto. O vertido de mobles, colchóns, paneis, restos de madeira, etc. foi localizado nunha inspección rutineira do Concello. A investigación realizada polos servizos municipais identificou aos autores desta infracción. Trátase de residentes doutro concello da comarca que se desprazaron ata Redondela para abandonar os refugallos na vía pública.
O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, amosou o seu rexeitamento a estas actitudes incívicas e advertiu que a administración local actuará con contundencia: “Non imos tolerar que Redondela sexa o vertedoiro de ninguén. Grazas á alerta da veciñanza puidemos dar cos responsables e aplicaremos as sancións correspondentes coa máxima firmeza, porque verter lixo de xeito ilegal ten consecuencias”. Lembrou quen os infractores enfróntanse a unha sanción económica que oscila entre os 750 euros e os 3.000 euros.
Paralelamente, estase a investigar outro vertido na zona de Río Frío en Chapela, que se detectou grazas á colaboración veciñal. Os servizos de inspección recadaron indicios para localizar aos autores deste feito.
O Concello de Redondela reitera o agradecemento á veciñanza pola colaboración, ao tempo que solicita que se sigan a comunicar estas prácticas delituosas a través das canles municipais ou da Policía Local “para erradicar os vertido ilegais no municipio”.
Dende o departamento de Infraestruturas, o edil Roberto Villar lembra que existe un servizo gratuíto para recoller estes residuos sen danar o noso territorio “facer un uso correcto deste servizo é unha obriga cidadá básica se queremos protexer o noso patrimonio natural”.









