A iniciativa está formada por veciños e veciñas vinculados ao tecido social e asociativo e busca organizar a resposta local ante as dificultades para acceder a unha vivenda. O colectivo celebrará unha concentración o 11 de novembro, ás 12:00 horas, na Praza do Concello, con motivo da folga xeral.
A preocupación pola dificultade para acceder a unha vivenda digna levou un grupo de veciños e veciñas de Redondela a constituír a Plataforma pola Vivenda, unha iniciativa que nace co obxectivo de defender o dereito a unha vivenda estable, asumible e accesible. O colectivo xurdiu nun contexto de mobilización social arredor desta problemática, coas acampadas de Madrid, Santiago e Vigo como referentes. Segundo explica Carlos Ferreiro, membro da plataforma, un grupo de persoas da vila decidiu organizarse ao considerar que “Redondela tamén debía contar cun espazo propio desde o que abordar esta realidade”.
A plataforma está integrada principalmente por persoas vinculadas ao tecido social e asociativo local e non depende de ningún partido político. As decisións tómanse en asemblea e, desde a súa creación, xa celebraron dous encontros. As reunións teñen lugar no Centro Recreativo e Cultural de Redondela e están abertas á participación da veciñanza. Para dar a coñecer as próximas convocatorias e actividades, o colectivo tamén acaba de abrir un perfil en Instagram co nome @plataformavivenda.redondela.
Entre as cuestións que máis preocupan aos seus integrantes están o encarecemento dos alugueiros e a escaseza de oferta residencial. Ferreiro apunta tamén á influencia do turismo, especialmente pola presenza do Camiño de Santiago, que pode favorecer que parte das vivendas se destinen a turistas e peregrinos en lugar de ao mercado residencial. “A que máis e a que menos tócanos navegar nas dificultades de acceso á vivenda”, sinala. Neste sentido, considera que a situación non afecta a un único colectivo, senón ao conxunto da clase traballadora.
No ámbito económico, defenden que o custo da vivenda non debería superar o 30 % dos ingresos, unha porcentaxe que, segundo Ferreiro, está lonxe de cumprirse na actualidade. Por último, reclaman máis oferta residencial e un impulso á vivenda pública.
Aínda en proceso de organización, a plataforma traballa agora na recollida de información para realizar unha análise máis detallada da situación en Redondela e, posteriormente, concretar propostas e reivindicacións dirixidas ás administracións públicas. Ferreiro lembra que as competencias en materia de vivenda non corresponden unicamente ao goberno central ou á Xunta, senón que tamén os concellos poden desempeñar un papel neste ámbito.
Como primeira acción, a Plataforma pola Vivenda de Redondela convoca unha concentración o vindeiro 11 de novembro, ás 12:00 horas, na Praza do Concello, en apoio á folga xeral. A mobilización forma parte dunha xornada de protestas que tamén terá continuidade en Vigo, onde o colectivo participará nas convocatorias unitarias xunto con outras plataformas sociais e sindicais. “O noso obxectivo é que Redondela sexa unha vila para a xente que a habita”, resume Ferreiro.











