O club de tiro con arco MeigArco iniciou a tempada 2026-2027 con bos resultados nas dúas primeiras xornadas da Liga Galega de Sala, disputadas en Corme e A Rúa. Os seus deportistas conseguiron numerosas posicións de podio en diferentes modalidades e categorías, cun protagonismo especial de Patricia Reche e Ramón Garrido, que repetiron vitoria nas dúas competicións nas súas respectivas categorías de recurvo. Tamén destacou o equipo de longbow, que na primeira tirada copou o podio na categoría masculina +50, con Jesús de Arcos, José Manuel Bargiela e Sergio Luis Ruas nos tres primeiros postos.
A primeira cita foi a I Tirada RAUS de Sala, organizada polo club Flechas por un Tubo os días 17 e 18 de outubro en Corme. Patricia Reche proclamouse primeira en recurvo feminino, mentres que Ramón Garrido fixo o propio en recurvo masculino +50. Tamén subiron ao máis alto do podio Mónica Rodríguez, en recurvo feminino +50, e Jesús de Arcos, en longbow masculino +50. Nesta última categoría, MeigArco copou os tres primeiros postos, con José Manuel Bargiela na segunda posición e Sergio Luis Ruas na terceira.
Pola súa banda, Alejandro López conseguiu o segundo posto en composto masculino, Ramón Iglesias foi segundo en composto masculino +50 e Raquel Domínguez rematou segunda en tradicional feminino. Hugo Guardiola acadou a quinta posición en longbow masculino e Pablo Manuel Lage foi duodécimo en recurvo masculino +50.
A segunda xornada celebrouse o 31 de outubro na Rúa, organizada polo club Arqueiros do Sil. Patricia Reche e Ramón Garrido repetiron triunfo nas súas respectivas categorías de recurvo, mentres que Mónica Reguera logrou tamén o primeiro posto en recurvo feminino +50. En longbow masculino +50, Sergio Luis Ruas fíxose coa vitoria. Carla Miguelez conseguiu o terceiro posto en longbow feminino sénior, e José Ángel Casal quedou cuarto en longbow masculino sénior.
Completaron a participación do club Raquel Domínguez, quinta en tradicional feminino sénior; Hugo Guardiola, sexto en longbow masculino sénior; Jesús de Arcos, quinto en longbow masculino +50; Pablo Manuel Lage, noveno en recurvo masculino +50; e Ramón Iglesias, sexto en composto masculino +50.
Desde MeigArco destacan o esforzo e a constancia dos seus deportistas para mellorar competición tras competición, así como o traballo dos clubs organizadores, da Federación e dos xuíces, fundamentais para o desenvolvemento das probas. O equipo xa prepara a súa participación na terceira tirada RAUS de sala, prevista para a próxima fin de semana.













