A karateca de Soutomaior, integrante do Club Gimsport Pontevedra, pechou a tempada 2025-2026 como Grand Winner da súa categoría tras conseguir catro medallas de ouro e acumular importantes éxitos en competicións nacionais e internacionais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, recibiu a karateca para trasladarlle persoalmente os parabéns polo seu recente éxito deportivo: a medalla de bronce acadada no Trofeo Internacional Princesa de Asturias, celebrado en Oviedo.
A deportista, veciña de Soutomaior, conseguiu subir ao podio tras completar unha gran competición e enfrontarse a rivais de alto nivel nunha cita internacional de referencia desta disciplina.
Este novo resultado súmase a unha tempada chea de éxitos para Ariadna. A karateca rematou a tempada 2025-2026 como Grand Winner na categoría infantil feminina de kata, despois de participar nas catro roldas da competición e conseguir catro medallas de ouro, un pleno de vitorias que lle permitiu proclamarse gran gañadora da tempada. O recoñecemento fíxose efectivo no Pavillón Municipal de Cedeira, na Coruña.
A súa traxectoria recente inclúe tamén importantes resultados no ámbito internacional, como a conquista do Open Internacional de Karate de Entroncamento, en Portugal, onde se proclamou campioa tras superar varios encontros de gran nivel competitivo.
Durante a recepción, Manu Lourenzo felicitou a Ariadna polos resultados acadados e polo traballo, a constancia e o esforzo que hai detrás de cada éxito.
Tras este excelente percorrido, Ariadna xa mira cara aos próximos campionatos internacionais nos que participará, aos que chega avalada por unha tempada de grandes resultados.









