Boa fin de semana para o balonmán feminino de Redondela, con resultados positivos nas tres categorías nas que compiten os equipos locais. A xornada deixou un empate da SAR Rodavigo, unha vitoria da SAR Impernoroeste e dous triunfos dos conxuntos da Segunda Autonómica, o CIES Obra Civil Chapela e La Fábrica As Choqueiras.
División de Honra Prata Feminina
A SAR Rodavigo visitou a pista do Asmubal Meaño para disputar o derbi galego da División de Honra Prata Feminina, nun encontro moi igualado e con continuas alternancias no marcador que rematou con empate a 23 goles.
Os primeiros vinte minutos estiveron marcados pola igualdade e o ritmo elevado de xogo, cun 8-8 no marcador. Porén, o maior acerto das locais no tramo final da primeira metade permitiulles marchar aos vestiarios cunha vantaxe de cinco goles (15-10).
Tras o descanso, as redondelás reaccionaron e melloraron o seu xogo, asinando un parcial de 1-6 que lles permitiu igualar o encontro (16-16) no minuto 40.
A partir de aí, ambos os equipos protagonizaron un intenso intercambio de goles. A falta de sete minutos, o marcador sinalaba un empate a 21. A SAR conseguiu poñerse por diante (21-23), pero o Asmubal Meaño reaccionou para establecer o definitivo 23-23.
Un punto máis para o casilleiro da SAR Rodavigo, que na próxima xornada recibirá na Bomboneira ao Balonmano Getasur.
Primeira Autonómica Feminina
Na Primeira Autonómica, a SAR Impernoroeste estreou o seu casilleiro de puntos cunha merecida vitoria ante o Balonmano Abegondo na Bombonera, onde se impuxo por 29-24.
O encontro comezou con moita igualdade, sen que ningún dos dous conxuntos conseguise abrir diferenzas importantes no marcador. Ao descanso, as redondelás dominaban por unha mínima vantaxe de 13-12.
Na segunda metade, as xogadoras da SAR conseguiron imprimir máis ritmo ao seu xogo e ampliar progresivamente a renda, chegando a situarse cun cómodo 28-21. A reacción final das visitantes permitiulles reducir distancias, pero non evitar que os dous puntos quedasen na casa co definitivo 29-24.
Primeiro triunfo da tempada para a SAR Impernoroeste, que na próxima xornada se desprazará para enfrontarse ao Balonman Porriño.
Segunda Autonómica Feminina
O CIES Obra Civil Balonmán Chapela recibiu ao BM Arousa no Pavillón Municipal Manuel González Soto e conseguiu unha contundente vitoria por 31-15. As locais amosaron a súa superioridade desde os primeiros compases e chegaron ao descanso cunha ampla vantaxe de dez goles (19-9). Na segunda metade mantiveron o control do encontro e continuaron ampliando a diferenza ata o definitivo 31-15.
Tamén conseguiu sumar os dous puntos La Fábrica As Choqueiras, que visitou a pista do Seis do Nadal Coia e levou a vitoria por 26-30 nun partido que tivo que resolver nos últimos minutos.
A primeira metade estivo moi igualada e ambos os equipos chegaron ao descanso empatados a 15 goles. Na reanudación, as locais conseguiron tomar a dianteira e situarse cun 23-21 no minuto 50. Porén, As Choqueiras non baixaron os brazos e reaccionaron cunha gran recta final: no minuto 55 xa dominaba por 25-26 e conseguiron manter a presión ata pechar o encontro co 26-30 definitivo.
A próxima xornada, correspondente á terceira da competición, deixará un dos partidos máis agardados: o derbi redondelán entre La Fábrica As Choqueiras e CIES Obra Civil Balonmán Chapela, coas Choqueiras como equipo local.









