Hoxe é Martes 3 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

SAR OPMobility e o Balonmán Chapela continúan na zona alta da clasificación

866024737_2281511902630278_5319702971418260592_n

Boa xornada para o balonmán masculino de Redondela na Primeira Autonómica, con dúas vitorias de mérito para a SAR OPMobility e o Balonmán Chapela, que continúan na zona alta da clasificación.

A SAR OPMobility conseguiu un importante triunfo na súa visita á pista do Balonmán Atlántico, en Arteixo, un rival que chegaba invicto a este encontro. Os de Redondela souberon competir nunha pista complicada e acabaron impoñéndose por 28-32.

O partido comezou cunha gran igualdade, cun intercambio constante de goles no que ningún dos dous equipos conseguía abrir diferenzas importantes. Ao descanso, a SAR marchaba por diante no marcador por un axustado 15-16.

Na segunda metade, os visitantes mantiveron o control do encontro e non permitiron que o conxunto local se puxese por diante. A maior solidez e o bo xogo colectivo permitiron aos redondeláns ampliar progresivamente a súa vantaxe ata establecer o definitivo 28-32.

Unha vitoria de moito valor que sitúa a SAR OPMobility na segunda posición da clasificación, con oito puntos. Na próxima xornada, os redondeláns terán outro compromiso esixente coa visita do BM Linea21, actual líder e tamén invicto, á Bomboneira.

Pola súa banda, o Balonmán Chapela tamén fixo os deberes no Pavillón Municipal Manuel González Soto, onde recibiu ao Atlético Novás B. Os locais conseguiron unha traballada vitoria por 30-27 nun encontro moi igualado que non se decidiu ata os últimos minutos.

A igualdade foi a nota dominante desde o inicio. Nos primeiros dez minutos o marcador reflectía un empate a cinco goles e, durante boa parte da primeira metade, as vantaxes foron alternándose entre ambos os equipos. Finalmente, o Chapela conseguiu tomar a iniciativa e marchar aos vestiarios cunha renda de dous goles (16-14).

Tras o descanso, o partido mantivo a mesma dinámica. O Atlético Novás B conseguiu recuperar terreo e igualar de novo o encontro, primeiro cun 24-24 no minuto 50 e posteriormente cun 26-26 a falta de cinco minutos para o final.

Foi nese treito decisivo cando o Balonmán Chapela deu un paso adiante para decantar o partido ao seu favor e pechar a vitoria co definitivo 30-27.

Este resultado permite aos de Chapela situarse na terceira posición da clasificación xeral, tamén con oito puntos. Na próxima xornada volverán xogar diante da súa afección, coa visita do Bueu Atl. Balonmán.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará