O instituto redondelán acolle este venres 30 ás 17:00 horas, unha homenaxe a Chema Rey, profesor do Departamento de Electricidade e Electrónica, que durante máis de 30 anos formou parte do instituto. Dende o Centro fan un chamamento ao antigo alumnado a participar dunha homenaxe na que estará presente tanto a familia de Chema como outras persoas que compartiron con el anos de docencia e de vida no instituto.
Ao longo da súa longa traxectoria como docente, deu clase en diferentes etapas da Formación Profesional, desde a antiga FP de 1º e 2º grao ata os ciclos de Equipos Electrónicos de Consumo, Desenvolvemento de Produtos Electrónicos e Instalacións de Telecomunicacións.
A súa relación co centro foi moito máis alá da súa etapa como docente. Mesmo despois da súa xubilación, Chema seguiu moi vencellado ao Pedro Floriani, colaborando no soporte informático e mantendo o contacto coa comunidade educativa.
As radiocomunicacións, a música e a historia de Redondela tamén ocuparon un lugar importante na súa vida. A través dos seus blogs compartiu coñecementos e experiencias sobre as radiocomunicacións, escribiu sobre a súa paixón pola música e recuperou historias e anécdotas de Redondela e de Pedro Floriani, o enxeñeiro que dá nome ao instituto.
A homenaxe contará coa presenza da súa familia e reunirá persoas que compartiron con Chema anos de docencia e de vida no instituto. Desde o IES Pedro Floriani queremos facer extensiva esta convocatoria ao antigo alumnado e ao profesorado que xa non está no centro, para que todas as persoas que o coñeceron poidan acompañarnos nesta xornada e compartir as súas lembranzas.









