O exercicio desenvolverase entre as 00:30 e as 02:00 horas e mobilizará efectivos de emerxencias, seguridade e protección civil. Dende o Concello fan un chamamento á poboación para que “manteña a tranquilidade” e comparta esta información para evitar “alarmas innecesarias”.
Renfe e Adif levarán a cabo esta madrugada un Simulacro Técnico de Autoprotección no túnel das Maceiras, un exercicio destinado a comprobar os protocolos de actuación e a coordinación dos distintos servizos ante unha eventual situación de emerxencia nunha infraestrutura ferroviaria.
O simulacro está previsto que comece ás 00:30 horas e que se prolongue aproximadamente ata as 02:00 horas. Durante ese período, a veciñanza poderá advertir unha importante presenza de vehículos e efectivos de emerxencias nas proximidades da infraestrutura.
No dispositivo participarán, entre outros, efectivos de 112 Galicia, Protección Civil de Redondela, Urxencias Sanitarias 061, Bombeiros, Garda Civil e Policía, que realizarán diferentes actuacións relacionadas co desenvolvemento do exercicio.
Un dos elementos previstos no simulacro será a recreación dun incendio no interior do túnel, para o que se empregarán máquinas destinadas a producir fume denso tanto no interior da infraestrutura como nas saídas de evacuación. As autoridades salientan que se trata dunha situación completamente simulada e que non existe ningún risco real para a poboación.
O desenvolvemento do exercicio poderá provocar tamén cortes puntuais de tráfico ou restricións de acceso nalgúns viais públicos próximos á boca norte do túnel. Estas medidas terán como finalidade facilitar o desprazamento e a intervención dos vehículos de emerxencia durante o simulacro.
Este tipo de exercicios forman parte dos procedementos de preparación e autoprotección das infraestruturas ferroviarias e permiten poñer a proba os protocolos de emerxencia, avaliar a coordinación entre os diferentes organismos e detectar posibles aspectos susceptibles de mellora.









