Hoxe é Xoves 8 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Correos dedica un selo a María Vinyals, unha muller adiantada ao seu tempo

Silvia Cernadas, Abel Losada, Nuria Lera e Manu Lourenzo 01

A emisión deste selo nace dunha petición formulada polo Concello de Soutomaior a Correos para homenaxear a figura dunha muller pioneira no ámbito da cultura, o activismo social e a defensa dos dereitos das mulleres, que naceu neste castelo en 1875. O acto de presentación tivo lugar no Castelo de Soutomaior, coincidindo coa posta en circulación do selo que ten un valor de 2 euros e unha tirada de 65.000 exemplares.

O acto contou coa participación do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, a concelleira de Turismo, Cultura e Memoria Histórica, Silvia Cernadas e a directora de Filatelia e Relacións Institucionais de Correos, Nuria Lera e estivo amenizado pola dúo de arpa e guitarra formado por Lorena Reinaldo e Ariel García.

Pola súa banda a artista Alba Troiteiro, mediante a técnica de storytelling, foi capturando a esencia, as emocións e as mensaxes clave da xornada para transformalas nunha peza artística en tempo real. Unha ollada creativa destinada a recoller de forma visual e perdurable a historia que se está a escribir arredor da figura de María Vinyals e que dará como resultado unha postal artística como lembranza desta xornada.

Durante o acto realizouse o tradicional mataselado de honra, reivindicando a figura de María Vinyals escritora, xornalista, artista e activista, coñecida como a “Marquesa Vermella” polas súas ideas progresistas, defendeu a educación feminina, a igualdade de dereitos e o sufraxio universal.

Entre as súas obras figura El Castillo del Marqués de Mos en Sotomayor (1904) e a novela autobiográfica Rebelión (1905), publicada baixo o pseudónimo Joyzelle. Foi tamén presidenta do Centro Iberoamericano de Cultura Popular Femenina, académica non numeraria da Real Academia Galega e membro do Ateneo de Madrid.

A súa figura estivo estreitamente vinculada ao Castelo de Soutomaior, onde viviu e onde, xunto ao médico e intelectual cubano Enrique Lluria Despau, impulsou o Hotel-Sanatorio Lluria, convertendo o castelo nun punto de encontro de destacadas personalidades da cultura e da sociedade da época.

O selo forma parte da serie Literatura, ten un valor de 2 euros e unha tirada de 65.000 exemplares. Pode adquirirse nas oficinas de Correos, a través de Correos Market, contactando co Servizo Filatélico no correo atcliente.filatelia@correos.com ou no teléfono 915 197 197.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “María Vinyals merecía ter o recoñecemento que durante tantos anos non tivo. Esta petición nace coa vontade de que a súa figura se coñeza e se recoñeza máis alá de Soutomaior. Hoxe o seu nome e a súa imaxe van viaxar por todo o mundo”.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Cultura e Memoria Histórica, Silvia Cernadas, sinalou que “María Vinyals forma parte do noso patrimonio e da nosa memoria colectiva, por iso, dende o concello de Soutomaior, presentamos esta petición a Correos. Foi unha muller adiantada ao seu tempo, que destacou na literatura, nas artes, no xornalismo e na defensa dos dereitos das mulleres. Este selo axúdanos a que a súa historia deixe de ser invisible e chegue a novas xeracións”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará