Hoxe é Mércores 7 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP reclama un pleno extraordinario para abordar o remate do polígono de Cartas e a reparación do Salgueiral

salgueiral 1

O grupo municipal do PP de Redondela vai impulsar un pleno extraordinario no que se abordarán catro propostas consistentes no remate da urbanización do polígono de Cartas na parroquia de Vilar e a corrección “das importantes eivas que presenta o barrio do Salgueiral tras as obras de humanización”. Os populares lamentan as deficiencias nestes espazos públicos e reclaman tamén a mellora do Servizo de Axuda no Fogar coa cobertura das persoas dependentes con atención recoñecida e a resolución das incidencias constantes no servizo. Solicitan tamén que nese pleno, que debería convocarse no prazo máximo de 15 días, se aborde a regularización dos contratos vencidos en moitos servizos municipais.

A primeira medida consiste na reclamación da finalización da urbanización do polígono de Cartas, na parroquia de Vilar de Infesta, xa que hai varios anos que existen deficiencias nos servizos e nos viarios, polo que o PP pide avanzar na redacción e tramitación do proxecto de execución das obras pendentes e garantir o financiamento para evitar máis retrasos

Así mesmo, os populares tamén reiterarán a preocupación e o malestar dos veciños do Salgueiral tras as obras realizadas, que deixaron moitas deficiencias “pola falta de control do goberno local”, polo que esixen que se atendan as súas demandas e se redacte un proxecto integral que subsane todos os defectos e garanta a accesibilidade, mobilidade e funcionalidade da contorna.

En terceiro lugar, o PP considera urxente garantir a prestación efectiva do SAF, xa que hai “persoas con atención recoñecida que non reciben o servizo, prodúcense incidencias constantes na cobertura das horas asignadas e son precisas medidas, máis recursos e un seguimento municipal que garanta unha atención de calidade ás persoas dependentes e as súas familias”.

Por último, os populares consideran necesario abordar a situación dos servizos municipais que continúan prestándose cos contratos vencidos e recuperar a convocatoria da Comisión de Servizos Privatizados, que nunca se celebrou desde a chegada de Digna Rivas á Alcaldía. Consideran que debe haber unha relación actualizada e proceder a un plan de regularización para garantir a continuidade das prestación e un financiamento óptimo.

Ante esta situación, Javier Bas salientou que se trata de asuntos de “especial relevancia” para os veciños de Redondela ao tratarse, en todos os casos, de competencias municipais e criticou o abandono dos mesmos durante tantos anos por parte do goberno socialista, “xa que están a prexudicar o desenvolvemento do municipio e a calidade de vida da xente”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará