A veciña de Cesantes converteu a súa formación en Patronaxe e Moda nun proxecto artesanal no que os panos portugueses, os tecidos reciclados e os elementos da vestimenta tradicional cobran unha nova vida
Detrás de Fiadeira Atelier está Raquel Fernández Pérez, unha deseñadora e artesá de Cesantes que decidiu converter a súa formación en Patronaxe e Moda nun proxecto propio no que a creatividade, o traballo artesanal e a identidade galega son os principais fíos condutores. Desde o seu taller, que actualmente mantén na súa propia casa, deseña e confecciona pezas e complementos que buscan achegar elementos vinculados á tradición ao día a día.
A relación de Raquel coa vestimenta tradicional vén de lonxe. Desde pequena participou no grupo de baile de Cesantes e, segundo explica, “case sen saber andar” xa vestía o traxe tradicional nos pasarrúas. Durante anos continuou vinculada ao baile e á cultura tradicional, unha experiencia que acabou influíndo tamén na súa maneira de entender a moda.
O proxecto de Fiadeira foi medrando pouco a pouco. Todo comezou durante os estudos de Patronaxe e Moda e coa creación de pezas relacionadas co traxe tradicional. Posteriormente chegaron os panos portugueses, moi presentes na vestimenta tradicional de Galicia e especialmente na zona sur da comunidade, que acabarían converténdose nun dos sinais de identidade do proxecto.
O que inicialmente eran poucos produtos foi medrando a medida que aumentaba o interese da clientela. Raquel asegura que a boa resposta da xente foi unha sorpresa. “Recibo moito cariño da xente”, sinala, explicando que son frecuentes as mensaxes de persoas que lle escriben despois de mercar algunha das súas pezas.
Para Raquel, o actual interese por combinar tradición e moda contemporánea responde a un cambio na maneira de entender a cultura galega. Considera que grupos como Tanxugueiras contribuíron a facer máis visible esa conexión entre elementos tradicionais e propostas actuais. “Fixéronnos un gran favor”, apunta a artesá, ao considerar que contribuíron a levar a tradición “a pezas máis do noso día” e a demostrar que a vestimenta e os elementos tradicionais non teñen por que quedar limitados aos grupos de baile ou aos seráns.
O aproveitamento dos materiais é outro dos sinais de identidade de Fiadeira. A artesá procura traballar con materiais adquiridos en Galicia sempre que é posible e dar unha segunda vida aos restos de tecido que quedan doutras elaboracións.
Entre os produtos que actualmente están a ter unha boa acollida, ademais dos propios panos, están precisamente os bolsos tipo faldriqueira e os coleteros, aos que Raquel incorporou tecidos e acabados que tamén están a espertar interese entre a clientela.











