Hoxe é Xoves 1 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Roteiro en Vilar de Infesta para coñecer o seu patrimonio natural e cultural

vilar roteiro muiños

A actividade celebrarase o sábado 3 de outubro, cun percorrido guiado de dificultade baixa polo río da Preira e distintos elementos naturais e patrimoniais da parroquia. O Carballo Torto, a igrexa, a mámoa e o miliario romano da Vía XIX serán algúns dos protagonistas do percorrido. A xornada rematará cun aperitivo e un encontro de convivencia aberto á veciñanza e a todas as persoas interesadas de Redondela e da contorna.

A Asociación Veciñal San Martiño organiza en colaboración co centro cultural de vilar de infesta o vindeiro sábado 3 de outubro unha xornada para coñecer e gozar da natureza, da historia e do patrimonio da parroquia a través dun roteiro guiado e dunha posterior convivencia.

A saída está prevista para as 10.00 horas, cun percorrido de dificultade baixa e aberto a persoas de todas as idades. Durante a ruta, as persoas participantes achegaranse a algúns dos lugares máis singulares de Vilar.

Un dos protagonistas será o río da Preira así como os muíños tradicionais da zona. A natureza terá tamén un papel destacado coa visita ao Carballo Torto do Torreiro, unha árbore singular cuxa forma lembra a dunha persoa maior apoiada no seu bastón, converténdose nun dos elementos máis recoñecibles da paisaxe local.

O percorrido incluirá, ademais, distintos elementos patrimoniais, como a igrexa, a mámoa e o miliario romano da Vía XIX, coñecido como O Marco. Este miliario, datado na época do emperador Traxano, no século II, destaca por conservarse na súa posición orixinal e por estar ligado á historia e ás lendas da zona.

A xornada contará coa participación dunha guía ambiental da empresa Alecrín, que acompañará as persoas participantes durante o roteiro e achegará explicacións sobre os valores naturais e ambientais da contorna.

A organización anima a veciñanza a participar nesta xornada. A actividade, que conta co apoio da Deputación, continuará ás 12.00 horas cun aperitivo e un tempo de convivencia, pensado para compartir experiencias e desfrutar dun encontro entre participantes. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 670 570 658.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará