Foto: Fon Decón
O Concello de Redondela aprobou inicialmente o Plan de Actuación Municipal fronte ao Risco de Inundacións (PAMIN), un documento que permitirá ao municipio contar cunha folla de ruta concreta para anticiparse aos episodios de asolagamento e coordinar a resposta dos distintos servizos públicos. O documento recolle as zonas susceptibles de sufriren unha inundación: o Rego de Chapela, o río Fondón, o río Pexegueiro, o eixo Cabeiro-Alvedosa e a zona costeira da Ría de Vigo en Chapela.
O principal obxectivo do plan é que, ante unha situación de risco, estea previamente definido que debe facer o Concello, que medios deben mobilizarse, quen debe asumir a dirección da emerxencia e como se debe informar á poboación. Deste xeito, búscase evitar a improvisación e facilitar unha resposta rápida desde os primeiros momentos dunha alerta.
Dende o PSOE, a edil Rita Pérez salientaba que o plan “non é obrigatorio por non atoparse Redondela entre as zonas de risco extremo, pero si é positivo contar con directrices de como actuar cando se produce unha inundación”.
O plan establece diferentes fases de actuación —prealerta, alerta e emerxencia— que poderán activarse en función de determinados parámetros meteorolóxicos e hidrolóxicos. Isto permitirá anticipar a resposta municipal antes de que a situación alcance niveis críticos.
Dende AER lembraban que no noso concello xa se viviron situacións complicadas, en referencia as inundacións do ano 2016 que xustifican a necesidade de contar cun plan destas características. Roberto Villar.
Dende o BNG, Xoán Carlos González salientaba a relevancia de que se sinalen os espazos que son potencialmente inundables e criticou que se realicen obras precisamente en lugares como é o estacionamento de Vilavella en referencia á ponte que se está a facer entre este parking e o paseo do Maceiras. Reclamaba tamén unha maior limpeza das canles dos ríos.
Neste sentido, o PAMIN analiza especificamente as áreas do municipio con maior exposición ao risco de inundacións. O documento contempla os riscos asociados ao Rego de Chapela, o río Fondón, o río Pexegueiro, o eixo Cabeiro-Alvedosa e a zona costeira da Ría de Vigo en Chapela. Recolle tamén 16 puntos críticos como o centro de saúde de Chapela, instalación deportivas municipais, centro de Día, xulgados… o que demostra “a necesidade de contar cun protocolo municipal de actuación” en palabras do popular Iván Crespo.
Entre as medidas previstas no Plan atópase tamén a mobilización coordinada dos recursos municipais, incluíndo a Policía Local, os servizos técnicos e os equipos de emerxencias, así como os mecanismos para trasladar avisos á veciñanza.
Outro dos aspectos fundamentais do PAMIN será a coordinación cos servizos autonómicos. Se unha inundación supera a capacidade de resposta municipal, o plan contempla a integración dos recursos da Xunta, a través do sistema INUNGAL.
A aprobación inicial polo Pleno abre agora un período de exposición pública. O documento será publicado no Boletín Oficial da Provincia para que a veciñanza, entidades e colectivos poidan consultalo e presentar reclamacións ou suxestións antes da súa aprobación definitiva.
Así, o PAMIN pretende que Redondela dispoña dun sistema previamente organizado para detectar o risco, activar os recursos necesarios, protexer as zonas máis vulnerables, informar á poboación e coordinar a resposta ante unha eventual inundación.
Rivas amosou a súa satisfacción polo respaldo acadado no Pleno e subliñou o salto de calidade que supón o plan para o municipio: “Co PAMIN contamos cunha folla elaborada en base a informes técnicos e coordinada co 112 Galicia que protexerá o máis importante: as vidas e os bens dos veciños e veciñas”. Rivas incidiu en que o cambio climático esixe respostas firmes e anticipación: “Os episodios de choivas intensas e as afeccións das mareas son unha realidade no noso concello. Non podemos evitar que chova, pero si debemos garantir que toda a estrutura municipal, Policía Local, servizos técnicos e emerxencias, saiba que facer e como actuar dende o primeiro minuto en que se active unha alerta”.









