A Deputación de Pontevedra abre este luns 28 de setembro o prazo para mercar as entradas para desfrutar das visitas teatralizadas de Samaín que se desenvolverán nos castelos de Soutomaior e Sobroso entre o 11 de outubro e o 1 de novembro. As actividades, pensadas para todos os públicos e producidas por EscénaTe, amosarán a historia dos castelos, as súas lendas e as personaxes que habitaron neles co obxectivo de seguir poñendo en valor o carácter histórico e patrimonial destes elementos singulares da provincia.
En total, 470 persoas poderán desfrutar das actividades en 26 quendas diferentes (cun aforo de 15 persoas por pase no caso de Sobroso e de 20 en Soutomaior). En concreto, no Castelo de Soutomaior as visitas terán lugar os días 11, 12, 17, 18, 24, 25 e 31 de outubro e 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 12:00 e ás 16:30 horas.
“As voces de Soutomaior” é unha proposta que convida o público a percorrer os seus espazos a través das distintas épocas e personaxes que deixaron pegada na súa historia. Pedro Madruga e a memoria da revolta Irmandiña, o marqués de la Vega de Armijo e o ambiente social e político do século XIX, e María Vinyals permiten descubrir a transformación do castelo en residencia, lugar de cultura e espazo aberto a novas ideas. Con humor, interacción coas e cos visitantes, elementos de lenda e momentos de emoción, a actividades converte murallas, salóns e xardíns nun escenario vivo e presente. Este luns 28 as entradas estarán dispoñibles na web do Castelo de Soutomaior por 8 € por persoa.









