Primeira Galicia, Grupo 6
Sporting Guardes – CD Choco (0-1)
O CD Choco sumou os tres puntos no Campo de fútbol de A Sagriña tras impoñerse por 0-1 ao Sporting Guardés, nun encontro igualado pero no que o conxunto redondelán levou o peso do xogo durante boa parte dos 90 minutos.
O adestrador do Choco, Fernando Boubeta, considerou a vitoria “xusta nun campo sempre complicado como o do Sporting Guardés”. Na súa opinión, “o equipo redondelán dominou o encontro, aínda que lle custou xerar ocasións claras durante a primeira metade”. O conxunto local tampouco conseguiu crear perigo suficiente, polo que o partido chegou ao descanso sen goles.
Nada máis comezar a segunda metade chegou o tanto decisivo. Hugo Couñago enganchou un remate desde a frontal da área no minuto 49 para poñer o 0-1 no marcador e adiantar ao Choco. A partir dese momento, segundo explicou Boubeta, o equipo mantivo o control do encontro e dispuxo dalgunha ocasión máis para ampliar a vantaxe.
Co paso dos minutos, o partido foise igualando e o Sporting Guardés tentou dar un paso adiante na procura do empate. Con todo, o conxunto local non foi quen de xerar grandes situacións de perigo e apenas dispuxo dunha ocasión clara nos últimos minutos, insuficiente para evitar a derrota.
Fernando Boubeta destacou a importancia destes tres puntos, xa que “permiten ao Choco converterse no único equipo capaz de gañar os seus catro primeiros partidos da competición”. Esta perfecta serie de resultados fai que o conxunto redondelán se sitúe como líder en solitario da clasificación.
Na próxima xornada, o CD Choco volverá xogar como visitante, desta vez ante o UDC Vilaboa, coa intención de prolongar o seu gran inicio de temporada.
Primeira Galicia, Grupo 5
CD Soutomaior – Cordeiro CF (1-2)
O CD Soutomaior non puido puntuar no seu campo fronte ao Cordeiro CF, que se impuxo por 1-2. Os visitantes puxéronse por diante e o tanto de Manuel García no minuto 77 non foi suficiente para evitar a derrota dos locais. Na próxima xornada, o Soutomaior desprazarase ao campo do Marcon Atlético.
Calda CF – CD Arcade (0-1)
O CD Arcade levou os tres puntos do campo do Calda CF ao vencer por 0-1. Javier Couñago marcou no minuto 36 o único tanto dun encontro decidido pola mínima, permitindo ao conxunto redondelán sumar unha importante vitoria a domicilio. Na próxima xornada, o Arcade recibirá o AT Cuntis CF.
Segunda Galicia, Grupo Vigo
Caldelas CD – Atlético de Villar (2-1)
O Atlético de Villar quedou sen premio no seu desprazamento ao campo do Caldelas CD, onde perdeu por 2-1. O encontro mantívose aberto ata os minutos finais, pero un penalti transformado no 90+3 decantou definitivamente o resultado a favor dos locais. Na próxima xornada, o Atlético de Villar recibirá o U.V.C.D. Candeán.
Segunda Galicia, Grupo Pontevedra
CD Grove – CD Cesantes (3-1)
O CD Cesantes regresou de baleiro do seu desprazamento ao campo do CD Grove, onde caeu por 3-1. David Álvarez adiantou os visitantes no minuto 8, pero o equipo local conseguiu remontar e acabou quedándose coa vitoria. Na próxima xornada, o Cesantes recibirá o Zacande FC.
Terceira Galicia, Grupo 1
Balaídos CF – Chapela CF (6-1)
O Chapela CF sufriu unha clara derrota no campo do Balaídos CF, que se impuxo por 6-1. Humberto Bejar marcou para os visitantes no minuto 37, pero o conxunto local dominou o encontro e acabou conseguindo unha ampla vantaxe no marcador. Na próxima xornada, o Chapela recibirá o CD Coya.









