A comisión de festas da Virxe do Carme de Trasmañó e Rande prepara dous días de festa coa celebración da III edición da Festa Remember do Miramar, unha concentración moteira e a IV Festa do Porco ao Espeto que contará co sacerdote Manuel Muiños Amoedo, moteiro e director de “Proyecto Hombre” como pregoeiro.
O primeiro gran acontecemento chegará o sábado 26 coa celebración da III Festa Remember da sala-discoteca Miramar, unha cita que busca recuperar a música e o ambiente dunha das salas máis lembradas por varias xeracións da comarca. A festa terá lugar baixo unha carpa instalada no recinto das Festas do Carme, baixo a Ponte de Rande, e contará coa música de DJ Fisi, ademais de diferentes sorpresas preparadas pola organización.
As entradas teñen un prezo de 10 euros en venda anticipada, con consumición, mentres que na billeteira o custo será de 15 euros. Os tickets poden adquirirse na Cafetería Rodeo, Cafetería Puerto Vieira e Bar Ruada.
A organización amosa a súa satisfacción por un evento que conta co apoio do público xa que, segundo explicaba Fran Carreira están xa vendidas arredor do 90% das 500 entradas dispoñibles, polo que animan as persoas interesadas a non agardar ata o último momento. Na pasada edición, varias persoas quedaron sen poder acceder á festa ao completarse o aforo.
A actividade continuará o domingo 27 de setembro coa IV Festa do Porco ao Espeto, unha xornada na que a gastronomía estará acompañada por unha concentración moteira, a partir das 12.00 horas.
Ás 14.00 horas terá lugar o pregón, que correrá a cargo da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. Quince minutos despois, ás 14.15 horas, será o sacerdote Manuel Muiños Amoedo, moteiro e director do Proxecto Home, quen pronuncie o pregón.
A comida popular comezará ás 14.30 horas, cun menú que terá un prezo de 22 euros e incluirá porco ao espeto, patacas, pementos, viño tinto ou auga, sobremesa e café. A organización prevé preparar 300 racións para os asistentes.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas, realizarase a entrega de premios e os sorteos destinados aos participantes na concentración moteira. Ás 16.30 horas comezarán os xogos e novos sorteos.
Durante toda a xornada haberá tamén pulpeiro e feira de artesanía, así como animación musical a cargo de DJ An-Hell.











