O Congreso impulsa un estudo integral de seguridade viaria na N-555 entre Redondela e o aeroporto de Vigo logo de saír adiante unha proposta presentada polo PP. Os populares de Redondela lamentan a abstención do PSOE nesta iniciativa que busca analizar o estado da vía para establecer as actuacións prioritarias, a súa correspondente estimación orzamentaria, así como un calendario concreto para a súa execución.
O Congreso dos Deputados aprobou na Comisión de Seguridade Viaria unha iniciativa para solicitar ao Goberno un estudo integral de seguridade da N-555. A proposta, presentada polo Grupo Popular, saíu adiante este mércores.
O estudo deberá analizar diferentes aspectos do trazado, entre eles a seguridade dos peóns, os arcéns, os accesos a vivendas e propiedades, as paradas de transporte escolar, os límites de velocidade, a sinalización, a iluminación e o estado das marxes. Tamén se propón avaliar os problemas de inundacións que afectan algúns puntos do percorrido. A N-555 ten uns oito quilómetros e é empregada a diario por numerosos veciños que residen na súa beira e é unha conexión esencial co aeroporto.
Unha vez realizado o estudo, a proposta establece que se deberán determinar as actuacións prioritarias, a súa correspondente estimación orzamentaria e un calendario concreto para a súa execución.
O voceiro municipal, Javier Bas, lamenta a falta de apoio do PSOE e doutras forzas de esquerda a esta iniciativa. «Sempre que Redondela ten unha necesidade, os socialistas déixana tirada ou póñense de perfil, e a súa vergoñenta abstención ante unha demanda xusta e necesaria dos veciños de Cedeira, Negros, Cabeiro e Vilar de Infesta é unha nova demostración deste desleixo».









