Hoxe é Xoves 24 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Dez persoas poderán formarse en actividade portuaria e loxística con opción de incorporación laboral

formación formavigo

Un total de dez persoas desempregadas poderán participar nun novo curso de formación especializado no sector loxístico que se desenvolverá entre as instalacións de Formavigo, na avenida de Beiramar 171, e a Terminal Marítima de Vigo (Termavi). A formación terá unha duración de 278 horas e está previsto que comece o 5 de outubro e remate o 24 de decembro. Entre as persoas participantes, polo menos seis contarán cun compromiso de contratación ao finalizar o curso. O único requisito establecido para participar é estar en situación de desemprego. As persoas residentes en Redondela terán preferencia no proceso de selección.

A iniciativa está promovida por Esticargo S.L., do Grupo Davila, e enmárcase nunha Unidade Formativa en Empresa. O obxectivo da iniciativa é ofrecer unha formación eminentemente práctica e orientada á incorporación ao mercado laboral, especialmente no ámbito da actividade portuaria e loxística. O programa busca que o alumnado adquira as competencias necesarias para poder desempeñar diferentes funcións relacionadas coa manipulación, almacenaxe e transporte de mercadorías.

O plan formativo inclúe sete módulos, centrados na prevención de riscos laborais; as mercadorías e os tipos de carga; os contedores marítimos e a normativa internacional; as operacións de carga e descarga e o aseguramento de cargas; a xestión operativa de almacéns, patios de contedores e terminais ferroviarias; a maquinaria e os equipos empregados nas actividades loxísticas; e a aplicación de procesos en depósitos de contedores, almacéns loxísticos e terminais ferroviarias.

A convocatoria está dirixida a persoas que estean desempregadas e queiran formarse nun sector con posibilidades de incorporación laboral. A organización pretende dar a máxima difusión á iniciativa para facilitar que as persoas interesadas poidan coñecer os requisitos e participar no proceso de selección.

As persoas residentes en Redondela terán preferencia no proceso de selección. Neste sentido, a organización xa está a colaborar coa Axencia de Desenvolvemento Local e Emprego (AEDL) do Concello de Redondela e coa súa bolsa municipal de emprego.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar con Formavigo no teléfono 986 11 29 29 ou a través do correo electrónico formacion@formavigo.com.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará