O encontro, organizado pola Consellería do Mar en colaboración coas federacións de confrarías de pescadores, busca fomentar a participación das mulleres nos espazos de toma de decisións do sector pesqueiro e marisqueiro. A iniciativa cobra especial relevancia ante as vindeiras eleccións ás confrarías de pescadores, que se celebrarán nos vindeiros meses. Neste contexto, a conselleira do Mar animou as participantes a formar parte das candidaturas e a ocupar os espazos de responsabilidade poñendo como exemplo as patroas maiores do Grove, Lourizán ou Redondela, con Nisi Otero neste cargo.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou en Arcade a xornada ‘Muller, Mar e Liderado’, un encontro práctico para impulsar a participación feminina nos órganos de goberno das confrarías. A iniciativa está especialmente orientada ás mulleres traballadoras do mar e terá continuidade nas outras provincias costeiras de Galicia.
A xornada está concibida como un espazo práctico e colectivo e non como un encontro meramente teórico ou inspiracional. Ao longo de catro horas, as participantes comparten experiencias reais e traballan sobre os obstáculos que poden dificultar o acceso aos postos de liderado, coñecen de primeira man o que implica asumir responsabilidades directivas en confrarías, xuntas xerais ou empresas pesqueiras e adquiren ferramentas para afrontar situacións profesionais concretas.
A programación combina conversa con referentes do sector, mesas de traballo e obradoiros sobre comunicación, xestión de conflitos, liderado e desenvolvemento do potencial persoal, acompañados por profesionais especializadas.
Eleccións nas confrarías
A iniciativa cobra especial relevancia ante as vindeiras eleccións ás confrarías de pescadores, que se celebrarán nos vindeiros meses. Neste contexto, a conselleira do Mar animou as participantes a formar parte das candidaturas e a ocupar os espazos de responsabilidade que lles corresponden, poñendo como exemplo a mulleres que xa exercen ou exerceron postos de máxima responsabilidade no sector, como as actuais patroas maiores do Grove, Redondela e Lourizán. “As mulleres sempre sostiveron o mar xunto cos homes. E agora toca que tamén o gobernemos xuntos”, concluíu Villaverde.
A xornada parte da realidade de que as mulleres teñen un peso destacado en diferentes actividades do mar, pero continúan tendo unha presenza menor nos órganos de goberno e decisión das confrarías, polo que busca proporcionar ferramentas, confianza e acompañamento para facilitar o seu acceso a estes espazos.










