A sección de billa do Círculo Cultural Recreativo de Chapela inicia esta fin de semana unha nova tempada de competición con dous grandes retos: loitar polo Campionato Galego de Billar a Tres Bandas e buscar novamente o ascenso á Primeira División Nacional.
Este sábado, 19 de setembro, comeza a Copa Galicia de Clubs de Billar a Tres Bandas, cunha primeira xornada na que o equipo CCR Billar Chapela-Rodavigo recibirá na súa sede ao Club Billar Viveiro, de Lugo, un dos equipos fortes da competición.
O campionato estará formado esta tempada por un único grupo, con seis equipos: Chapela-Rodavigo, Club Billar Lalín, Club Billar Viveiro, Club Billar Círculo de Chantada, Círculos de las Artes e Círculo de Artesanos da Coruña.
O equipo de Chapela vén de conseguir a segunda posición na pasada edición e afronta esta nova tempada coa intención de dar un paso máis e loitar polo título galego.
Para esta primeira xornada, o equipo estará formado por Adrián Dávila, Javier Pérez, Fernando Dávila e Jorge Hermida.
As partidas disputaranse na sede social do Círculo Cultural Recreativo de Chapela con dúas quendas: a primeira ás dez e media da mañá e a segunda ás doce do mediodía. As partidas tamén será retransmitidas, tanto en YouTube, no canal Billar Chapela, como en Facebook, CCR Chapela Sección de Billar.
O próximo 26 de setembro comezará tamén a competición na Segunda División Nacional de Billar a Tres Bandas, cun desprazamento do equipo a Valladolid.
Na pasada tempada, o Chapela conseguiu a praza para disputar o ascenso a Primeira División, chegando a xogar a fase de ascenso en Barcelona. Finalmente, o equipo non puido conseguir o ascenso, polo que esta campaña volverá afrontar o reto de intentar alcanzalo.









