Hoxe é Mércores 16 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello amosa a súa “mellor disposición” para renovar coa Xunta o convenio que permita reabrir a exposición de Sargadelos

casa da torre

O Goberno local considera que as condicións de seguridade deben manterse como no acordo de cesión inicial no que se establecía un sistema de seguridade baseado en cámaras de videovixilancia. Non contempla, polo tanto, incorporar vixilancia presencial como propón a Asociación Alén Nós que na xonrada de onte reclamaba a Concello e Xunta que deixaran atrás as súas discrepancias e buscaran unha solución definitiva que permitise reabrir a exposición de Sargadelos na Casa da Torre, pechada dende hai seis anos.

O Concello de Redondela amosa a súa “mellor disposición” para renovar coa Xunta de Galicia o convenio que permita reabrir ao público a exposición de Sargadelos da Casa da Torre, pechada desde 2020. A través dunha nota de prensa o Goberno local reclama que se desbloquee a situación e lembra que a cesión da exposición, asinada durante o anterior goberno do PP, xa establecía un sistema de seguridade baseado en cámaras de videovixilancia.

A alcaldesa, Digna Rivas, responde así ás cuestións formuladas pola Xunta sobre os medios de seguridade necesarios para reabrir a mostra. Segundo explica, o sistema de vixilancia que permitiu asinar o convenio inicial “é o mesmo que se conserva actualmente”, polo que considera que, se o Plan Xacobeo pretende renovar a cesión “nas mesmas condicións”, os requisitos en materia de seguridade “deberían ser tamén os mesmos”.

O Goberno local non contempla, polo tanto, a proposta formulada pola Asociación Cultural Alén Nós de complementar o actual sistema de cámaras cun servizo de vixilancia presencial durante o horario de apertura.

A asociación reclamaba este martes a reapertura da exposición e instaban as dúas adminsitracións –Xunta e Concello- a asinar canto antes o convenio que permita reabrir esta colección de pezas de Sargadelos. Como posible solución ás cuestións de seguridade, Alén Nós suxería incorporar unha persoa durante o horario de apertura que, ademais de supervisar a exposición, podería encargarse da apertura e peche das salas, atender as visitas e comunicar posibles incidencias. A entidade formulaba tamén que o custo deste servizo puidese ser compartido entre Concello e Xunta.

Desde o Concello sosteñen que xa solicitaron aos servizos técnicos que leven a cabo “na maior brevidade posible” as xestións necesarias para renovar os convenios relativos ao uso da sala da Casa da Torre e á exposición de Sargadelos. A petición inclúe tamén a renovación da cesión da praza da Torre e da parcela O Carballo das Cen Pólas e da finca anexa A Garonda, en Reboreda.

O Goberno local lembra ademais que a Xunta se comprometeu en novembro de 2024 a remitir ao Concello o convenio que permitise recuperar a apertura da exposición e denuncia que pasado dous anos aínda non recibiron este documento.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará