Foto: Protesta no Centro educativo o mércores antes de coñecerse a decisión da Xunta
O IES Pedro Floriani poderá manter finalmente o grupo propio de Bacharelato de Artes tras conseguir que a Xunta llees concedese o profesorado que reclamaban desde hai meses. A boa nova chegou por sorpresa no propio día no que arrancaron as clases e logo de meses de reclamacións por parte de toda a comunidade educativa. O centro mantén outras reivindicacións pendentes por parte da Consellería, como unha praza adicional de Pedagoxía Terapéutica, melloras no pavillón e solucións aos problemas de climatización. Outra petición, neste caso xa trasladada ao Concello, é a mellora da entrada ao centro.
O pasado mércores o alumnado de Artes concentrábase ás portas do centro para esixir profesorado. Unha protestas que se producía pouco antes de coñecerse que finalmente a Xunta accedera a conceder o persoal necesario que permite garantir que o alumnado de Bacharelato de Artes poida continuar os seus estudos nun grupo propio.
A directora do centro, Rosa Mª Ligero, explicaba nos nosos micrófonos que os e as alumnas que cursan estas ensinanzas artíticas presentan un perfil particular polo que non tiña sentido que tiveran que dividirse e compartir grupo con outras modalidades. Malia lamentar que a solución chegase “in extremis” no propio día no que se iniciaba o curso, amosaba a súa satisfacción porque finalmente a Xunta atenderá as súas demandas xa que levaban meses solicitando ante a Administración educativa que se dotara ao centro do profesorado necesario para garantir os grupos propios de primeiro e segundo curso e que o centro contase cos recursos e persoal necesario para facelo posible.
A directora cualifica a consecución destes recursos como «unha vitoria de toda a comunidade educativa».
Un logro que satisface a equipa directiva, que, malia todo, mantén outras demandas sobre a mesa. Entre elas está a petición dunha praza adicional de Pedagoxía Terapéutica (PT) para atender as necesidades educativas detectadas no centro, así como a reforma do pavillón.
Tamén reclaman solucións aos problemas coas temperaturas, con aulas abafantes cando vai calor e frío extremo noutros momentos do ano, ao non estar a caldeira ben dimensionada para as necesidades do edificio tras a súa ampliación.
Reclaman tamén que se acometa o arranxo da entrada ao centro que foi comprometida por parte do Concello dende hai meses sen que polo de agora comezaran as obras.









