Hoxe é Mércores 9 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela inicia o curso con máis de 3.000 alumnos e novas demandas das ANPAs

cole nenos

O curso escolar arrincou este mércores co regreso ás aulas de 4.464 alumnos e alumnas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato dos concellos de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos. Redondela concentra a maior parte deste estudantado, cun total de 3.005 alumnos. A Federación de Anpas critica que o novo curso arranque sen ter solucionados temas como os atrasos nas axudas de comedor, a ausencia dun plan de mantemento dos centros educativos e a convocatoria do Consello Escolar Municipal (CEM).

A volta á rutina estivo marcada polos nervios, as présas e os reencontros propios da primeira xornada lectiva, pero tamén polas reivindicacións das familias, que reclaman unha maior implicación das administracións na mellora do ensino público.

En Redondela son un total de 3.005 estudantes os que regresaron aos seus respectivos centros educativos. Deles, 435 cursan Educación Infantil, 1.180 están matriculados en Primaria, 1.016 en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e 374 en Bacharelato.

No conxunto da comarca, Soutomaior suma 1.213 alumnos, distribuídos entre 169 de Infantil, 436 de Primaria, 473 de ESO e 135 de Bacharelato. En Pazos de Borbén, o alumnado alcanza os 189 estudantes: 47 en Infantil, 77 en Primaria e 65 en ESO. Finalmente, en Fornelos de Montes, onde non hai instituto, son 57 os nenos e nenas que regresaron ás aulas: 17 en Infantil e 40 en Primaria.

A nivel galego, a xornada supuxo o regreso ás aulas de 298.436 alumnos e alumnas, 4.617 menos que no curso anterior.

As ANPAs reclaman maior implicación municipal

Coincidindo co inicio do curso, a Federación de ANPAs de Redondela trasladou a súa preocupación pola situación dos centros educativos da contorna e reclamou unha maior implicación das administracións na defensa e mellora do ensino público.

As familias poñen o foco especialmente en varias cuestións que consideran competencia municipal, entre elas os atrasos nas axudas de comedor, a ausencia dun plan de mantemento dos centros educativos e a falta de convocatoria do Consello Escolar Municipal (CEM).

A Federación considera positivo que o Concello reclame á Xunta aquelas necesidades dos centros que son responsabilidade da Administración autonómica. Pero advirte de que estas reivindicacións non deben converterse nunha ferramenta de confrontación política nin servir para desviar a atención dos problemas que dependen directamente da administración municipal.

Entre eles, sitúan a situación do Consello Escolar Municipal, que leva catro anos sen ser convocado. “Non entendemos que se fale de preocupación polo ensino e de defensa da comunidade educativa mentres se mantén paralizado durante catro anos un órgano municipal específico para abordar precisamente estas cuestións”, sinalan desde a Federación.

As ANPAs reclaman tamén unha solución definitiva para as axudas de comedor de Servizos Sociais, cuxa resolución se produce ano tras ano co curso xa iniciado. Esta situación, segundo denuncian as familias, xera incerteza e preocupación, especialmente entre aquelas que dependen destas axudas para afrontar os gastos do comedor escolar. Ademais, sinalan que existen axudas pendentes de cobro e que o actual sistema de tramitación é complexo, facendo que unha parte importante da carga administrativa recaia sobre as propias ANPAs.

Outra das peticións dirixidas ao Concello é a elaboración dun plan de mantemento dos centros educativos, acompañado dun maior investimento municipal, así como actuacións destinadas a mellorar os accesos e a seguridade nas contornas escolares.

Demandas á Xunta

Paralelamente ás reclamacións dirixidas ao Concello, a Federación de ANPAs trasladou por rexistro á Xunta de Galicia os principais problemas detectados nos centros educativos de Redondela, Soutomaior e Pazos de Borbén.

As demandas abrangue diferentes ámbitos, desde os recursos humanos ata as infraestruturas e o transporte escolar. Entre as principais necesidades sinaladas figuran a falta de profesorado especialista, profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL), así como a necesidade de reforzar os equipos de orientación nalgúns centros.

As familias reclaman tamén actuacións en materia de infraestruturas, con necesidades relacionadas co estado das cubertas, os sistemas de calefacción, a accesibilidade e os espazos deportivos. A estas demandas súmanse peticións para mellorar os accesos e a seguridade nas contornas escolares.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará