Hoxe é Xoves 3 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Galería Mínima Expresión: ‘Reliquia Industrial’ de Nuria Guardiola recupera a memoria da industria conserveira

N3

Foto de

A galería Mínima Expresión e o Colectivo Pitrina presentan durante os meses de setembro e outubro a exposición Reliquia Industrial, da artista Nuria Guardiola Medel, unha intervención que recupera obxectos, materiais e pegadas da antiga industria conserveira para transformalos en testemuñas dunha época. A proposta forma parte da 31ª intervención deste espazo e establece un diálogo entre memoria, territorio e materia.

A mostra reúne elementos como antigas latas de conserva, etiquetas, madeiras, óxidos, tipografías e superficies erosionadas que abandonan a súa condición de refugallo para adquirir unha nova dimensión artística. Guardiola explica que para ela “a memoria pode permanecer activa, pero tamén ten que deixar de ser recordo para converterse en materia de creación”, utilizando os propios materiais como punto de partida para construír novas lecturas sobre o pasado industrial.

A relación da artista con este patrimonio naceu hai case tres décadas e está estreitamente ligada á súa experiencia vital en Cangas, onde viviu a poucos metros da antiga fábrica de Massó. “Eu vivín todo o proceso”, lembra Guardiola, en referencia á crise do sector conserveiro e ao peche de fábricas a comezos dos anos noventa. O contacto cos traballadores permitiulle acceder a materiais e obxectos que posteriormente incorporaría á súa obra: “Eles mesmos un día abríronme unha porta dun almacén e dixéronme: colle todo o que queiras”, relata.

A intervención que chega agora a Mínima Expresión é unha pequena mostra dun proxecto moito máis amplo. Memoria da Industria Conserveira, iniciado en 1992, é o traballo de maior percorrido da artista e conta con preto de oitenta obras. A súa práctica combina pintura, fotografía, ensamblaxe e instalación, utilizando con frecuencia materiais procedentes do patrimonio industrial.

Entre as pezas presentes na galería atópase unha antiga polea de barco sobre a que a artista pintou un fragmento do peirao de Cangas e unha serie de caixas industriais que gardan no seu interior fotografías intervidas e planos relacionados coa maquinaria das antigas conserveiras. Guardiola destaca que “os soportes nunca son neutros”, polo que cada obxecto conserva parte da súa historia ao mesmo tempo que pasa a formar parte dunha nova creación.

A artista tamén reivindica a importancia de conservar a memoria das persoas que estiveron detrás daquela actividade industrial. Ao longo da súa investigación realizou entrevistas a mulleres traballadoras do sector, un material que aínda conserva. A súa intención, asegura, non é só reconstruír a historia das fábricas, senón preservar unha experiencia colectiva: “É unha experiencia como pobo, como parte humana que nos define e que non debemos esquecer”.

Nese sentido, o título da exposición adquire un significado especial. A palabra reliquia fai referencia a aquilo que permanece cando unha realidade desaparece ou se transforma, pero tamén á necesidade de outorgar valor ao que forma parte da propia historia. “Moitas veces sentímonos atraídos por cousas que veñen de fóra e non deixan de ser invasións; temos que valorar o que forma ou formou parte da nosa vida e da nosa historia”, sinala Guardiola.

A proposta conecta ademais coa súa longa relación con Redondela. A artista exerceu como profesora de Lingua Castelá e Literatura no IES de San Simón durante aproximadamente unha década e viviu na vila, unha etapa que lembra con especial afecto. “A min Redondela encántame. Seguiría vivindo en Redondela toda a vida”, afirma.

Como lembra a propia artista a partir dunha reflexión de Jacques Derrida, “o verdadeiramente sagrado é a propia experiencia”.

A súa traxectoria inclúe exposicións en Galicia, Madrid, Cataluña e Marrocos, ademais de proxectos como Faros de Galicia e a súa contorna ou Corazón bereber / Cœur d’Amazigh.

Nuria xunto a Afonso Conde do Colectivo Pitrina.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará