Hoxe é Xoves 3 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP de Redondela denuncia o mal estado do paseo da Portela

Foto Paseo Portela 5

O grupo municipal do PP de Redondela denuncia o estado de deterioro que presenta o paseo da Portela, unha senda peonil duns 1,5 quilómetros que conecta o centro urbano con este barrio e discorre xunto á desembocadura do río Alvedosa. Os populares aseguran que as deficiencias resultan especialmente graves tendo en conta que o Concello destinou este mesmo ano 48.000 euros a unha actuación supostamente orientada á súa reforma integral.

Segundo os populares, o paseo continúa presentando bancos rotos, táboas fóra de sitio e deterioradas, maleza de grandes dimensións, postes en malas condicións e pintadas. A formación critica tamén a imaxe de abandono da infraestrutura e considera insuficiente a sinalización existente para advertir os usuarios dos puntos que presentan problemas.

O voceiro municipal do PP, Javier Bas, cualifica de “neglixente e irresponsable” a xestión do goberno local e reclama que se acometa unha reparación “real e inmediata”. “Ninguén entende que se proceda ao arranxo dunha infraestrutura peonil hai apenas uns meses adicando cartos públicos e non sirva absolutamente para nada”, sinala o concelleiro popular.

Para o PP, a situación cuestiona o resultado do investimento realizado con fondos públicos, xa que, segundo denuncian, as actuacións executadas non terían resolto os problemas que afectan ao paseo nin garantirían unhas condicións adecuadas de seguridade para as persoas usuarias.

Bas tamén lembra as declaracións realizadas no seu día pola alcaldesa, Digna Rivas, cando presentou a actuación, nas que, segundo o PP, destacaba a obriga do Concello de manter os espazos públicos en condicións axeitadas. “A realidade di o contrario”, afirma o concelleiro, que acusa o goberno local de incumprir as súas responsabilidades e de provocar, neste caso, un novo gasto de cartos públicos.

O PP de Redondela insiste así na necesidade de actuar sobre o paseo da Portela para corrixir as deficiencias detectadas e garantir unhas condicións adecuadas de conservación e seguridade nun percorrido utilizado habitualmente pola veciñanza.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará