Silvia Cerdads e Gonzalo Outeiro
O Concello de Soutomaior presentou a nova programación da Rede Aviva, a proposta municipal de actividades culturais e formativas para o curso 2026-2027. A iniciativa reúne diferentes disciplinas e está dirixida a veciñas e veciños de distintas idades, con actividades que se desenvolverán na Casa da Cultura “Rexina Míguez Noval” e na Biblioteca Luís Seoane.
A programación inclúe a Escola Municipal de Teatro, a Escola Municipal de Debuxo e Pintura e os Obradoiros de Inglés, con grupos adaptados ás diferentes franxas de idade. O obxectivo é manter unha oferta estable de formación e participación cultural ao longo de boa parte do curso.
As inscricións estarán abertas do 10 de setembro ás 9:30 horas ao 25 de setembro ás 14:00 horas e deberán tramitarse de maneira telemática a través da páxina municipal. As persoas interesadas deberán agardar á comunicación da admisión e da obtención de praza antes de realizar o pagamento. Ademais, terán preferencia as persoas empadroadas en Soutomaior.
A Escola Municipal de Teatro ofrecerá grupos infantil, xuvenil e de adultos, con propostas para participantes desde os 4 anos ata a idade adulta. As clases desenvolveranse na Casa da Cultura entre outubro de 2026 e xuño de 2027.
Pola súa banda, a Escola Municipal de Debuxo e Pintura contará con diferentes grupos por idades. Entre eles estará “Espertando a creatividade”, destinado a nenas e nenos de 4 a 7 anos, ademais doutras propostas para público infantil, xuvenil e adulto. Esta programación desenvolverase entre outubro de 2026 e maio de 2027.
A oferta complétase cos Obradoiros de Inglés, dirixidos a nenos e nenas nacidos entre 2014 e 2020. As sesións terán lugar na Biblioteca Luís Seoane en dous períodos: de outubro a decembro de 2026 e de xaneiro a maio de 2027.
A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, destacou que Rede Aviva nace coa intención de “seguir achegando a cultura e a formación á veciñanza de Soutomaior”, apostando por actividades para diferentes idades e intereses. Cernadas sinalou tamén a vontade de converter a Casa da Cultura e a Biblioteca en “espazos vivos, de encontro e participación”.
O concelleiro de Educación, Gonzalo Outeiro, puxo o foco nunha programación “diversa, accesible e pensada para diferentes idades”, que permita crear espazos para aprender, desenvolver a creatividade e compartir experiencias. Segundo explicou, o Concello aposta por actividades que complementen a formación e contribúan á dinamización cultural e educativa do municipio.
Con esta nova edición da Rede Aviva, o Concello de Soutomaior mantén a súa aposta por unha programación municipal estable e aberta á participación da veciñanza durante o curso 2026-2027.













