Galicia Suroeste celebrou onte o seu Foro anual co que se busca poñer en valor o papel das mulleres no desenvolvemento social, económico e cultural do territorio. Nesta sexta edición do Foro, que se celebra coincidindo co Día Internacional da Muller Rural, a cociñeira xubilada do CEIP de Pazos de Borbén, Carmen Tellado recibiu unha homenaxe especial por toda unha vida vinculada ao coidado, á educación e ao rural. Tamén se recoñeceu o papel doutras 13 mulleres, entre elas a redondelá Ana Sánchez, da empresa familiar Sánchez Álvarez.
O acto, celebrado na noite de onte en Pazos de Borbén contou coa participación do alcalde da localidade Luciano Otero, a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste, Sandra González e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. Tamén estiveron presentes representantes dos concellos que integran Galicia Suroeste, acompañando ás homenaxeadas nunha xornada marcada pola emoción e o recoñecemento.
Un acto anual que busca converterse nun encontro de referencia para o territorio e un espazo de recoñecemento para as mulleres que contribúen a construír un rural vivo e con futuro, ta e como nos explicaba Sandra González.
Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega dos recoñecementos ás trece mulleres distinguidas nesta edición polas súas traxectorias profesionais e persoais, exemplos do dinamismo e da diversidade do rural galego. As premiadas representan ámbitos tan diversos como a cultura, a hostalaría, o comercio local, a artesanía, o turismo, a actividade agraria ou o asociacionismo.
As recoñecidas nesta sexta edición foron Susana Garrido, cantante e compositora, por Fornelos de Montes; Lucía Torres, de Floristería Flor de Lis, por Gondomar; Flora Carrera, de Tapería Flora, por Mos; Loli Vicente, das Mulleres Rurais de Chandebrito, por Nigrán; Patricia Muñóz, de Amodo Turismo, por Oia; as irmás Amparo e Delia Alvárez, do Bar Floro, polo Rosal; Carlota Simón, de Gandería GS, por Pazos de Borbén; Ana Sánchez, da empresa familiar Sánchez Álvarez, por Redondela; Paloma Romero, de Barbería L’Uomo, por Soutomaior; Reme Ortega, do Grupo Cultural San Roquiño, por Tomiño; e Hortensia Rodríguez, de Floristería La Flor, por Tui.
A continuación chegou a homenaxe máis emotiva da xornada coa entrega do recoñecemento especial do VI Foro da Muller Rural Galega que recaeu en Carmen Tellado, veciña de Pazos de Borbén e histórica cociñeira do CEIP do municipio. Entre unha gran ovación do público, recibiu a escultura conmemorativa do foro, creada pola artista Liliya Pobornikova, como mostra de gratitude por toda unha vida dedicada ao servizo da comunidade educativa e do rural.
As autoridades destacaron durante a entrega a súa profesionalidade, a súa vocación de servizo e a pegada humana que deixa tras décadas alimentando e coidando xeracións de nenos e nenas do concello, converténdose nunha figura moi querida e respectada pola veciñanza.
A presidenta de Galicia Suroeste salienta o necesario que é “poñer a estes mulleres diante do espello parra que sexan consciente do seu lugar primordial no lugar no que desenvolven as súas actividades”.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Abel Losada, quixo expresar a súa admiración por todas as mulleres recoñecidas nesta edición, subliñando que representan un exemplo de esforzo, compromiso e capacidade de superación. Losada destacou o seu papel na xeración de actividade económica, na creación de oportunidades e na transmisión de valores fundamentais para as xeracións futuras, agradecéndolles a súa contribución ao desenvolvemento e á vitalidade do rural galego.










