Hoxe é Xoves 27 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela Descubre retoma as excursións para maiores cunha viaxe a Noia en setembro

547459798_1103254908648428_584579760658962124_n

O programa municipal “Redondela Descubre” retoma en setembro as súas excursións para maiores cunha visita a Noia, unha proposta que volve poñer o foco no ocio, na convivencia e no coñecemento do patrimonio galego. As saídas están programadas para os días 15, 16 e 17 de setembro e están dirixidas ás persoas maiores de 55 anos.

As persoas interesadas poderán inscribirse do 1 ao 11 de setembro, ou ata que se esgoten as prazas, na Oficina de Turismo, situada na rúa Isidoro Queimaliños. O horario de atención é de martes a domingo, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas. O único requisito para participar é ter máis de 55 anos.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destaca que as viaxes se programan en varias datas para “chegar ao máximo número de persoas posible” e facilitar que os maiores teñan a oportunidade de coñecer novos lugares, participar en actividades e compartir unha xornada fóra do municipio.

Noia, destino desta nova saída

A concelleira de Maiores, Iria Vilaboa, explica que a elección dos destinos busca ofrecer excursións dun día a espazos de interese cultural, histórico e patrimonial. Nesta ocasión, o programa desprazarase ata Noia, unha vila cun importante patrimonio histórico e arquitectónico, coñecida polo seu casco antigo, os pazos, soportais e igrexas.

As visitas contarán coa presenza dun guía oficial de turismo, que acompañará aos grupos durante a xornada e permitirá coñecer os principais atractivos do destino.

1.800 prazas ao longo do ano

“Redondela Descubre” dispón este ano dun total de 1.800 prazas, dentro dunha aposta municipal por promover o envellecemento activo e a convivencia entre as persoas maiores. As excursións celébranse en temporada baixa e cun prezo reducido, co obxectivo de facilitar a participación do maior número posible de veciños e veciñas.

Tras as visitas realizadas na primavera a destinos como O Grove e Betanzos, a excursión a Noia supón unha nova oportunidade para descubrir outros puntos de Galicia sen necesidade de realizar desprazamentos longos nin asumir un elevado custo.

Desde o Concello agradecen tamén a colaboración dos municipios visitados, así como das súas oficinas de información turística, pola súa disposición para facilitar as visitas aos principais lugares de interese.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. Boa nova, que disfruten das excursións e pasen bo día. Unha consulta, por que Radio Redondela non recolle información sobre a sentencia xudicial do TSXG esixindo ao Concello de Redondela a facer un servizo de bombeiros sen excusas? Tivo bastante movemento en redes sociais a nova de La Voz de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará