Redondela leva á Mesa do Comercio galega o debate sobre os horarios, o comercio online e o relevo xeracional. A voz dos Centros Comerciais Abertos estará presente neste órgano a través da Asociación de Empresarios de Redondela. O seu presidente, Enrique Lago Granada, foi designado representante dos 52 Centros Comerciais Abertos existentes en Galicia e afronta esta responsabilidade coa intención de trasladar ao novo órgano as principais preocupacións dun sector obrigado a adaptarse aos cambios nos hábitos de consumo.
#AsociacionEmpresasRedondela#radioredondela#radioredondela2026
A nova Mesa do Comercio de Galicia nace como un órgano de participación, asesoramento e coordinación no que estarán representados a Xunta, as entidades locais, as cámaras de comercio, as asociacións e federacións de comerciantes, as prazas de abastos, a venda ambulante, a distribución e as organizacións sindicais. O seu obxectivo é favorecer a colaboración entre os distintos axentes e formular propostas para mellorar as políticas públicas relacionadas co comercio.
Para Lago, unha das primeiras cuestións que deberá abordar este foro é precisamente como adaptar o comercio tradicional a unha realidade que xa está cambiando, tanto polos novos hábitos dos consumidores como polo avance da venda online.
Entre as propostas que considera necesario poñer sobre a mesa figura a revisión dos horarios comerciais, coa posibilidade de atrasar as horas de apertura e peche para adaptalas aos momentos nos que existe maior demanda por parte dos consumidores.
Neste sentido, o presidente da Asociación de Empresas de Redondela apunta que, en determinados establecementos, podería estudarse pasar dunha apertura ás catro ou cinco da tarde a comezar a actividade arredor das seis, prolongando tamén o horario de peche unha ou dúas horas. Unha modificación que, ao seu xuízo, non tería por que beneficiar unicamente ao consumidor, senón que podería ofrecer tamén vantaxes para os propios comerciantes.
A prolongación do horario comercial pola tarde permitiría, segundo explica Lago, dispoñer dun período de mediodía máis amplo para o descanso e o lecer, unha cuestión que tamén pode contribuír a mellorar a conciliación dos profesionais do sector.
Outro dos grandes retos que chegarán á Mesa do Comercio será a transformación dixital. O avance das compras por internet está modificando a maneira na que os consumidores buscan produtos, comparan prezos e realizan as súas compras, obrigando o comercio de proximidade a buscar novas fórmulas para manter a súa competitividade.
A intención dos Centros Comerciais Abertos é que este proceso de transformación non se limite á incorporación de novas ferramentas tecnolóxicas, senón que permita aos pequenos negocios adaptarse aos novos hábitos de consumo e aproveitar tamén as oportunidades que ofrece a dixitalización.
Neste contexto, Lago defende que o futuro do comercio pasa por asumir que o comercio online xa forma parte da realidade do sector e por facilitar aos establecementos as ferramentas necesarias para afrontar esta transformación.
Xunto á dixitalización, o relevo xeracional será outra das cuestións prioritarias. Numerosos negocios de proximidade están nas mans de comerciantes próximos á xubilación e a continuidade destes establecementos dependerá en moitos casos da capacidade para facilitar o traspaso a novas xeracións.
Neste ámbito, a Asociación de Empresas de Redondela considera que o Plan Remuda da Xunta de Galicia pode ser unha ferramenta de interese para facilitar a transición dos negocios. A iniciativa permite acompañar o proceso de traspaso daqueles establecementos cuxos titulares se achegan á xubilación, abrindo a porta á incorporación de novos emprendedores.
Para os Centros Comerciais Abertos, estes procesos de sucesión poden converterse ademais nunha oportunidade para modernizar os negocios, incorporando novas formas de xestión e ferramentas dixitais adaptadas aos novos tempos.
A designación de Enrique Lago como representante dos CCA permite que a realidade do comercio de proximidade estea presente nun órgano no que se deberán definir parte das políticas de futuro do sector en Galicia.











