Hoxe é Venres 14 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Recalada regresa a Soutomaior este sábado cun programa de actividades vinculadas co mar

recalada

A recalada volverá encher o Peirao de Arcade este 15 de agosto con actividades para todos os públicos arredor do mar, a tradición e a cultura local. A programación inclúe obradoiros, actuacións musicais, navegación de embarcacións tradicionais, artesanía e unha ampla oferta gastronómica ao longo de toda a xornada.

A xornada arrancará ás 11:00 horas cun obradoiro de creación de móbiles colgantes e continuará con propostas como o obradoiro de chaveiros de coiro, o espectáculo infantil ‘Canta, Buguina, Canta!’, novos obradoiros creativos, actuacións musicais, a tradicional Izada de Velas e navegación en embarcacións tradicionais pola contorna de Arcade e as Illas Alvedosas.

O peche da programación correrá a cargo do concerto de Airiños da Peneda ás 21:30 horas. Durante todo o día, ademais, o público poderá visitar a feira de artesanía local e desfrutar da zona gastronómica instalada no recinto.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “A Recalada é unha celebración que pon en valor a nosa identidade mariñeira e a estreita relación que Soutomaior mantén co mar. É unha oportunidade para reivindicar as nosas tradicións ao tempo que ofrecemos unha programación atractiva para veciñanza e visitantes”.

Pola súa banda, o concelleiro de Festas, Gonzalo Outeiro, subliñou que “preparamos unha programación variada e pensada para todas as idades, na que conviven actividades participativas, música, artesanía e patrimonio marítimo”. Ademais, animou á cidadanía “a achegarse ao Peirao de Arcade e vivir unha xornada na que o mar e a cultura tradicional son os grandes protagonistas”.

Con esta nova edición de A Recalada, o Concello de Soutomaior continúa apostando por iniciativas que poñen en valor o patrimonio marítimo, impulsan a artesanía local e ofrecen propostas culturais e de lecer para toda a familia, consolidando esta celebración como unha das grandes citas do verán no municipio.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará