Hoxe é Martes 11 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Unha nova exposición de Gene Muíños reúne máis de 100 maquetas do patrimonio de Redondela

expo

Redondela volverá a verse a pequena escala coa segunda edición de «A nosa pequena vila», a exposición de maquetas creada polo veciño e artista local Gene Muíños Reboredo. A mostra, que dá continuidade á primeira edición celebrada en agosto de 2023, incorpora novas reproducións de edificios e espazos emblemáticos do municipio e reúne xa máis de 100 maquetas. A inauguración terá lugar o xoves 13 de agosto, ás 20.00 horas e poderá visitarse no Multiusos da Xunqueira ata o 15 de setembro.

A colección ofrece un percorrido polas principais construcións da vila e do municipio a través de reproducións realizadas a escala 1,5:100. As pezas destacan polo seu nivel de detalle, realismo e precisión artesanal, ata o punto de incorporar elementos como mobiliario urbano, esculturas e outros detalles característicos dos espazos representados.

Esta segunda edición amplía a proposta presentada hai tres anos e incorpora pezas inéditas e novas recreacións de edificios singulares de Redondela, permitindo descubrir o patrimonio arquitectónico local desde unha perspectiva diferente.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, puxo en valor tanto a dimensión artística da mostra como o traballo desenvolvido por Gene Muíños. «Despois do grandísimo interese que espertou a primeira mostra en 2023, é un privilexio presentar esta ampliación», sinalou. Para Rivas, o proxecto constitúe «unha demostración de paciencia e precisión artesanal» e, ao mesmo tempo, «unha homenaxe de valor incalculable á nosa identidade e á riqueza arquitectónica de Redondela».

A rexedora destacou tamén que esta nova edición ofrece á veciñanza e ás persoas visitantes «unha oportunidade única para redescubrir a nosa vila dende unha perspectiva nova e minuciosa», contribuíndo á conservación e difusión da memoria histórica do municipio.

O Concello anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao Multiusos da Xunqueira durante as semanas de apertura para coñecer as novas incorporacións á colección e descubrir, en pequeno formato, algúns dos espazos máis recoñecibles de Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará