A Asociación de Veciños de Chapela organiza este sábado, entre as 10.00 e as 21.00 horas, o seu primeiro mercadiño de segunda man na contorna da antiga estación. A iniciativa busca promover a reutilización de obxectos, fomentar a economía circular e crear un espazo de encontro para a veciñanza, cunha ampla variedade de artigos e prezos accesibles.
A presidenta da asociación, Victoria, explica que o principal obxectivo é “fomentar a economía circular, dando unha segunda vida aos obxectos que temos todos na casa”. Destaca tamén a excelente resposta obtida antes mesmo da celebración do evento: “Hai un grao de participación moi elevado, con máis de 25 postos, e tamén é unha forma de facilitar un punto de encontro para todos os veciños e veciñas, tanto da parroquia como da contorna”.
Os visitantes atoparán unha oferta moi variada. Haberá roupa, libros, xoguetes, material deportivo, elementos de decoración, Kayaks e mesmo coleccións de coches en miniatura, entre outros artigos. A propia Asociación de Veciños contará cun posto no que porá á venda distintos materiais que xa non emprega, como libros, unha impresora e outros equipamentos.
Os postos estarán distribuídos ao longo da Vía Verde, aproveitando o amplo espazo dispoñible para facilitar o percorrido dos asistentes.
Os prezos serán libres, aínda que a organización agarda que sexan moi accesibles. Segundo explica Victoria, “haberá artigos desde dous euros e despois cada participante decide o prezo dos seus obxectos”. O Concello de Redondela e Ecoembes colaboran na organización da actividade.









