O Concello de Redondela abre este mes de agosto o prazo de preinscrición para un curso de lingua de signos dirixido á cidadanía maior de idade, unha iniciativa coa que busca favorecer a inclusión e eliminar as barreiras de comunicación. A través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, o goberno local tamén porá en marcha unha formación específica para o persoal municipal co obxectivo de mellorar a atención ás persoas xordas.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a intención é avanzar cara a unha administración “100% accesible”, na que calquera persoa poida ser atendida “con dignidade e sen atrancos comunicativos”. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, destaca que esta formación permitirá fomentar a empatía, a igualdade e unha convivencia máis integradora entre a veciñanza.
O curso para a cidadanía terá unha duración de 30 horas e desenvolverase no Multiúsos da Xunqueira a partir do 4 de setembro. As sesións impartiranse os mércores e venres, entre as 17.00 e as 19.30 horas, cun custo subvencionado de 50 euros. O prazo de preinscrición permanecerá aberto do 7 ao 19 de agosto e poderá realizarse a través do Rexistro Xeral do Concello ou da Sede Electrónica. Unha vez confirmada a praza, as persoas admitidas disporán de tres días hábiles para efectuar o pagamento.
Como novidade, o Concello ofrecerá ademais un obradoiro de 10 horas destinado aos empregados públicos. Esta formación pretende dotar ao persoal municipal de ferramentas básicas de comunicación en lingua de signos para facer da administración local un espazo máis accesible e inclusivo, reforzando así o compromiso do Concello coa igualdade de oportunidades e a eliminación das barreiras comunicativas.









