Foto da Concelleira Silvia Cernadas
O Concello de Soutomaior organiza o vindeiro 14 de agosto unha nova edición do Día de María Vinyals, unha iniciativa coa que busca divulgar a figura da escritora, intelectual e pioneira do feminismo galego a través dunha programación dirixida a todos os públicos. As actividades desenvolveranse de balde na Carballeira do Peirao de Arcade e combinarán propostas culturais, artísticas e de lecer para achegar o legado da marquesa á veciñanza.
A programación arrancará entre as 11.30 e as 13.30 horas cun obradoiro colaborativo de arte en vivo inspirado en María Vinyals, no que participará a artista local Alba Troiteiro. A obra resultante formará parte posteriormente dunha exposición temporal na Biblioteca Municipal. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase o obradoiro “A queixería”, centrado na recuperación da tradición da elaboración de queixos na fortaleza durante a época de Vinyals. A xornada concluirá ás 18.15 horas coa actividade “A aventura da Marquesa Vermella”, un xogo de pistas con retos cooperativos e mensaxes ocultas para descubrir diferentes aspectos da vida da escritora.
A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, explicou que o obxectivo desta iniciativa é achegar a figura de María Vinyals a persoas de todas as idades mediante actividades participativas e dinámicas que contribúan a manter vivo o seu legado. O Concello destaca que esta celebración reforza a súa aposta pola divulgación do patrimonio histórico e cultural de Soutomaior, promovendo ao mesmo tempo a participación cidadá e o coñecemento dunha das figuras máis relevantes da historia do municipio.










