A Policía Local de Redondela realizou durante a pasada fin de semana varias actuacións que se saldaron con dúas detencións, unha investigación por un presunto delito contra a seguridade viaria e diversas denuncias administrativas en colaboración coa Policía Nacional.
A primeira das intervencións produciuse na tarde do sábado no centro urbano de Redondela. Os axentes detiveron unha muller, nacida no ano 1998 e con domicilio no municipio, como presunta autora dun roubo con violencia nun establecemento da rúa José Regojo. Segundo a información facilitada pola Policía Local, a sospeitosa tentou abandonar o comercio con diversos produtos sen aboar e, no momento no que foi interceptada, presuntamente agrediu a unha das traballadoras do local. A detida foi trasladada aos calabozos da Comisaría da Policía Nacional en Vigo e posta posteriormente a disposición xudicial. Na actualidade atópase en liberdade con cargos.
A segunda detención rexistrouse na madrugada do domingo durante un dispositivo conxunto entre a Policía Local e a Policía Nacional na parroquia de Chapela. Os feitos ocorreron despois de que un condutor intentase fuxir do control policial. O vehículo foi finalmente interceptado e o seu condutor, un mozo nacido no ano 2000 e tamén con domicilio en Redondela, foi detido como presunto autor dun delito de atentado contra os axentes da autoridade.
Segundo a Policía Local, ademais comprobouse que o detido nunca obtivera o permiso de conducir e que deu positivo nas probas de detección de drogas. Tras pasar a disposición xudicial, quedou igualmente en liberdade con cargos.
Durante este mesmo dispositivo, os axentes investigaron tamén a outro condutor por un presunto delito de negativa a someterse ás probas de alcoholemia. Previamente, esta persoa intentara eludir o control policial e cambiar de condutor antes de ser identificada.
As actuacións da fin de semana completáronse con varias denuncias administrativas a condutores por circular coa ITV caducada e por dar positivo nas probas de detección de drogas, dentro dos controis preventivos desenvolvidos polas forzas de seguridade no municipio.









