Hoxe é Sábado 1 de Agosto de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os furanchos botan o peche ata o vindeiro ano

Foto de Alicia Tizón (2)

O responsable do Furancho Reboraina, Enrique, fai un balance positivo dunha tempada na que venderon arredor de 3.000 litros de viño e na que o bo tempo favoreceu a actividade.

Co remate de xullo, os furanchos pechan oficialmente as súas portas ata a próxima tempada, poñendo fin a varios meses nos que volveron converterse nun dos principais reclamos gastronómicos e tradicionais de Redondela. Para moitos destes establecementos chega agora o momento de descansar, pero tamén de preparar a vendima e comezar a pensar na campaña do próximo ano.

No Furancho Reboraina, en Reboreda, o balance é claramente positivo. O seu responsable, Enrique, explica que a ausencia de choivas durante boa parte da campaña permitiu abrir practicamente todos os días previstos, un factor decisivo para mellorar os resultados con respecto ao ano anterior. “Foi unha tempada mellor”, asegura, aínda que recoñece que esa falta de precipitacións non resulta tan favorable para o viñedo, que agora afronta unhas semanas clave antes da vendima.

Durante estes meses, Reboraina conseguiu vender practicamente todo o albariño dispoñible e calcula que a comercialización total rondou os 3.000 litros de viño. Enrique destaca ademais a boa valoración recibida tanto por parte da clientela de Redondela como dos visitantes chegados doutros lugares, que, segundo afirma, perciben unha mellora continua na calidade dos viños elaborados no municipio.

Outro dos aspectos que máis medrou nesta campaña foi o perfil dos visitantes. Sen perder a fidelidade da clientela local, o responsable do furancho asegura que aumentou de maneira notable a presenza de persoas procedentes doutras comunidades e tamén doutros países, favorecida polo Camiño de Santiago. Unha difusión que, segundo lembra, segue sustentándose principalmente no boca a boca e nas guías especializadas.

A elevada afluencia foi especialmente visible nas fins de semana de xullo, cando nalgúns momentos xa non era posible atender a toda a demanda. A pesar diso, desde Reboraina procuraron ofrecer o maior número posible de ceas para que os visitantes puidesen degustar o seu viño e as súas especialidades, entre as que destacan os chourizos asados, a tortilla e a empanada.

Co peche da tempada chega tamén unha nova etapa. Agosto será tempo de descanso para o equipo, formado habitualmente por entre seis e dez persoas da propia parroquia, antes de centrarse nos traballos da viña e na preparación da vendima, que este ano podería adiantarse a mediados de setembro.

Para Enrique, os furanchos representan moito máis ca un lugar onde comer e beber viño. Considera que forman parte da identidade de Redondela, contribúen á economía local e axudan a dar a coñecer o municipio máis aló de Galicia. “É unha tradición que non deberiamos perder”, afirma.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará