Foto da edición de 2025
O Berete Rock regresa este sábado ao Paseo Marítimo de Chapela coa súa décimo terceira edición, consolidado como unha das grandes citas do verán para os amantes do rock nas Rías Baixas. O festival, organizado pola Asociación Berete Rock en colaboración co Concello de Redondela, manterá a súa esencia de acceso gratuíto e autoxestión, cun cartel encabezado por Ciclonautas e completado por Zalomon Grass, The Eskarallas e Fuss.
Anselmo Prada lembra que a idea xurdiu “dun grupo de amigos” que decidiu organizar un concerto na parroquia e que, ano tras ano, foi medrando, sempre coa intención de manter a entrada gratuíta para que o público poida desfrutar de bandas de primeiro nivel. Na actualidade son once as persoas que forman parte da organización estable, ás que se suma unha ampla rede de colaboradores que participan durante todo o ano e, especialmente, na xornada do festival.
O cartel deste ano combina nomes consolidados e bandas da escena galega. Ciclonautas, o potente trío hispano-arxentino, lidera unha programación na que tamén estarán os vigueses Zalomon Grass co seu blues rock psicodélico, The Eskarallas levando ao escenario a súa descarga de punk rock e Fuss, formación integrada por músicos de Moaña e Vigo que repasará grandes clásicos do rock nacional e internacional.
O Berete Rock foi medrando ata superar os dous mil asistentes nos momentos de maior afluencia. Ademais da música, o recinto contará con barras, servizo de comida a cargo do Club de Remo de Chapela, baños e medidas de seguridade para garantir o correcto desenvolvemento da cita.
O festival incorpora vasos reutilizables co logotipo do Berete Rock para reducir a presenza de plásticos dun só uso no recinto. Tamén continuará á venda a tradicional camisola do festival.
O responsable da organización salienta tamén que o festival segue demostrando a boa saúde da escena rock. Lembra que Redondela e Chapela continúan sendo un viveiro de bandas e de público de todas as idades, desde mozos ata persoas de máis de setenta anos.
De cara á xornada do sábado, Anselmo Prada fai un chamamento á responsabilidade. A organización anima ao público a desfrutar da música con prudencia, evitando conducir despois de consumir alcohol.










